Na última semana a sección sindical da CUT SAÚDE tivo coñecemento de prácticas de intimidación e de acoso cara moitas traballadoras que decidiron dar un paso adiante polo cambio e a transparencia e que apostaron por presentar por primeira vez unha candidatura da CENTRAL UNITARIA DE TRABALLADORAS (CUT) para acadar representación no comité de empresa do SERGAS.
Estas prácticas coincide que están sendo levadas a cabo tanto pola dirección do centro como por outras centrais sindicais coa finalidade de impedir o libre exercicio do sufraxio activo das traballadoras e perpetuar un modelo de comité que non atende aos problemas reais do cadro de persoal senón que defende intereses alleos aos comúns.
O obxectivo desta nova candidatura da CUT é precisamente poñer fin ao continuísmo no Comité de Empresa, que non trata de fronte o problema da precariedade do servizo público.
Dende a CUT SAÚDE consideramos estas prácticas profundamente antidemocráticas e desleais, pero tampouco sorprende que se produzan tanto por parte da empresa como doutras centrais sindicais.
Non poden parar a candidatura da CUT Saúde
Non imos tolerar a intimidación e o acoso a compañeiras e compañeiros, pois o cambio é inevitábel e a nosa vontade segue intacta. Esta candidatura nace da ilusión e das ganas por mudar a actual situación de precariedade do SERGAS na provincia de Ourense. Xa non poden parar este proceso con prácticas camorristas. As traballadoras non deben deixarse amedrentar, senón que deben compartir e denunciar estas prácticas de presións, de cara a un proceso electoral limpo e transparente para pór en marcha un novo xeito de facer sindicalismo no SERGAS.
A CUT SAÚDE vai estar acompañando ás traballadoras que están a sufrir estas situacións, e chamamos ás que aínda non o manifestaron a que non calen, que denuncien estas prácticas e se unan a nós na loita por un sindicalismo transparente, asembleario e real.
Seguiremos loitando por un Servizo Galego de Saúde de todas e para todas.
É hora de quitar a venda!