A CUT reitera a súa solidariedade con Emilio Cao

673

O vindeiro 19 de marzo vai ser xulgado en Madrid o veciño do Carballiño, Emilio David Cao Mota. O Ministerio Fiscal está a solicitar para este mozo a condena de cinco anos e oito meses de cárcere, en base á imputación de supostos delitos que Emilio xamais cometeu.

Esta nova arremetida represiva hai que entendela no contexto de criminalización das protestas sociais, como a que levaron a cabo pacificamente as Marchas da Dignidade o 22 de marzo de 2014 en Madrid, e nas que este rapaz tomou parte xunto con máis dun millón de persoas, que se achegaron ás rúas da capital española para reclamar pan, traballo e teito.

O intento por parte do Réxime de condenar a Emilio, obviamente, non é so un ataque a súa persoa, porque estarían a atacar e reprimir a todos e todas as que participamos na mobilización na rúa coma resposta ó sistema, coa unidade obreira e popular. Se condenan a Emilio, estarían condenándonos a todos e todas as que aspiramos a acabar coa tiranía capitalista actual.

A represión só é posible enfrontala, para poder parala, coa solidariedade de todos e todas, é dicir, coa unidade obreira e popular. Así o fixemos o pasado 3 de decembro de 2016 na vila do Carballiño. Milleiros de persoas, a súa familia, amigos e amigas, veciñanza e a esquerda sindical e social estivemos na rúa apoiando masivamente a Emilio Cao, exercendo unha mostra de solidariedade real, masiva e non testemuñal.

Un ano despois da mobilización solidaria do Carballiño e cando xa estamos ás portas do enxuizamento a Emilio, toca apelar máis unha vez á unidade da clase traballadora galega e dos sectores populares, e da nosa afiliación, na súa solidariedade.

A CUT estará na unidade ampla e masiva, na unidade obreira e popular que representan as Marchas da Dignidade, exercitando esa solidariedade real. De non ser así estariamos a contribuír e a facilitar irresponsablemente o relato inquisidor do Réxime e a condena ó compañeiro Emilio Cao.

*As fotos que ilustran este comunicado corresponden á manifestación convocada o 3 de decembro de 2016 polas Marchas da Dignidade no Carballiño en solidariedade con Emilio Cao. Son autoría do noso compañeiro Xabicas.