CUT persegue trama de explotación de traballo migrante en Tordoia

236

O sindicato considera que a Lei de Estranxeiría contribúe a converter ás migrantes en situación irregular en man de obra barata e sen dereitos. Tal marco normativo é o responsábel de que se perpetúen espazos de impunidade que favorecen a comisión dos delitos que se denuncian en Tordoia. Para a CUT dita norma constitúe un ataque institucional contra os dereitos humanos e das persoas traballadoras e debe ser inmediatamente derrogada.

A CUT comparece como acusación popular e particular en representación de oito compañeiras do sindicato que foron vítimas dos delitos de estafa, lesións, detención ilegal e trata con fins de explotación laboral; ao comprometerlles un explotador orixinario de Santa Comba unhas altas na seguridade social e un acceso ás autorizacións de residencia e traballo que nunca chegaron.

Polo dagora téñense identificado nove vítimas, logo de que este “empresario” con intereses económicos agrarios en Tordoia lles cobrase entre 2500 e 420 euros por realizarlles contratos para traballaren como xornaleiros e xornaleiras. Unha vez incorporadas ao seu posto non lle foron abonados nin sequera os salarios chegando a traballar máis dun mes sen cobrar e sen seguros sociais. Cando as traballadoras e traballadores descubrían o contido da estafa e reaccionaban ao engano este prescindía delas de maneira fulminante. Ademais e nun dos casos o xallés atou de pés e mans a un dos compañeiros, ameazándoo cun revólver e golpeándoo para conseguir o borrado das probas que o traballador recompilara. O compañeiros foi abandonado acordoado nun monte próximo á nave industrial.

A CUT considera que existe un desinterese palmario por parte das institucións nesta investigación. A institución responsábel da investigación, a Garda Civil, non tramitou as medidas administrativas de protección das vítimas. Finalmente o Xulgado de Primeira Instancia e Instrución Nº2 de Ordes resistiuse a realizar unha investigación completa, chegando mesmo a demorar a entrega da información sobre a posta en liberdade do procesado logo dun mes de prisión provisoria, por moito que os delitos cometidos teñen a condición de especialmente violentos e puxeron en serio risco a vida das persoas supervivintes.

O sindicato debeu ocuparse en solitario do traballo de reagrupamento das traballadoras vítimas para presentarlle fronte común ao agresor, coas dificultades derivadas do terror que as actuacións do explotador xallés sementaron, as diferenzas culturais e lingüísticas e a natural desconfianza dos compañeiros e compañeiras á actuación das forzas e corpos de seguridade. Volveu quedar acreditado que estas teñen maior interese na persecución da pobreza e no sometemento á clandestinidade das migrantes irregulares a través de redadas programadas que en cumprir co seu rol institucional de garantes da vida e da seguridade persoal das vítimas do psicoterror laboral.

Non se pode considerar que tales delitos acontezan illados ou sexan sorprendentes. Son claro produto non só da xenofobia e da dominación de clase senón tamén da existencia dun marco de racismo legal que permite a existencia de auténticos espazos de impunidade para os máis salvaxes dos crimes. A lei do silencio que impón a normativa en materia de migracións provoca que hoxe por hoxe, coa investigación aberta, non poidamos sequera calcular o número de vítimas deste explotador. A CUT esixe por tanto a inmediata derrogación da Lei de Estranxeiría e os seus regulamentos, que constitúen auténticos dispositivos de amordazamento das persoas en función da súa orixe nacional e, claro é, da súa situación socieconómica.

O sindicato mantivo esta semana unha conversa formal coa Subdelegación do Goberno da Coruña e a xefatura de extranxeiría,  requerindo a asunción das súas funcións protectoras, comprometéndose a institución a promover a concesión das correspondentes autorizacións excepcionais por colaboración coas autoridades, xesto que a CUT celebra para poder conducir esta investigación da trama nun contexto de tranquilidade e paz para as compañeiras e compañeiros do sindicato. Polo dagora seguen a ser vítimas da dura vida clandestina que a falta de consciencia social e de fraternidade internacionalista lles impoñen.

Xuntas e xuntos contra a impunidade, a xenofobia, a dominación de clase e a explotación laboral. Ningunha irmá de clase é ilegal.