Nun inicio de curso coas loitas numéricas habituais entre o oficialismo sindical e a Consellería, vemos como se repite o mantra de todos os anos: redución de docentes, enganos a familia e profesorado nas supostas melloras, mantemento de rateos e debilitamento do sistema de ensino público en xeral.
Nada novo nos últimos 20 anos de inoperancia sindical, a pesar das folgas preelectoralistas do pasado curso, no que o peto dos docentes veuse repercutido polo mal uso da ferramenta máis potente que temos de protesta. Unha folga instrumental e que curiosamente derivou na sinatura dun acordo á marxe da mesma na que a aldraxe que estamos a vivir está clara e patente: promesas a longo prazo sen recursos e con enganos permanentes. Aínda hai quen se gaba de dito acordo e por outra banda aqueles que unha vez perdidas as eleccións xa miran para outro lado.
No medio deste panorama, as afectadas de sempre con tretas de sempre: a Consellería de Educación está a cesar a 30 de xuño a traballadoras docentes con contrato de
interinidade que están cubrindo prazas cuxas persoas titulares están prestando unha comisión de
servizos xerada nos últimos anos por proxectos experimentais, maiormente en relación coas novas tecnoloxías e necesidades educativas: RAOGAL, ADIX, POLOS CREATIVOS, ….
“O persoal interino docente que ocupe prazas non estruturais non pode ser cesado ata que se incorpore a persoa titular da praza”, nin sequera aplica a elas o nomeamento por curso escolar, senón que podería ir ata os 3 anos que marca a lei. Porén o despedimento prodúcese xa non curso a curso, senón o 30 de xuño mentres o titular segue ausente no seu posto.
Non só o cese é irregular senón que en moitos casos non existe unha publicación na que se oferten ditas comisións técnicas mediante concurso libre e público, senón que son prazas creadas a dedo e en moitos casos de forma sorpresiva, sen coñecemento da propia mesa sectorial e por suposto sen ser ofertadas polas canles acordadas para ser cubertas por persoal temporal.
Posto que esta situación é inadmisible e supón un atropelo dos dereitos das traballadoras, a CUT pretende deter este tipo de prácticas abusivas polo que presentamos, tras decisión unánime en asemblea, un conflito colectivo contra esta Consellería ante os tribunais, grazas á xenerosidade colectiva das nosas afiliadas.
Exiximos unha oferta pública e transparente de ditas comisións de servizo para o libre acceso do profesorado, así como que sexan cubertas como mínimo de forma anual cunha interinidade como ocorre con outras comisións de servizo “regulares”.
Esta demanda pode sentar un importante precedente de cara a outras situacións asimilables ante calquera substitución na que o titular non se incorpore o 30 de xuño e que debería prorrogarse como mínimo ata o 31 de agosto do mesmo curso conforme á legalidade vixente.