CUT-Ensino exise que se manteñan os dereitos do profesorado PTFP

286

A LOM-LOE establece a transformación das especialidades de Profesorado Técnico de Formación Profesional (PTFP) en especialidades de Profesorado de Secundaria (PS) para todo o persoal que cumpra co nivel de titulación requirido, i.e. grao con máster en profesorado. Desta maneira estas especialidades pasarían a pertencer ao grupo A1 e non ao grupo A2 como na actualidade.

 

Esta transformación é unha moi boa noticia longamente demandada, dado que o traballo que se desenvolve é o mesmo e nas mesmas condicións, sen máis diferenzas entre o PTFP e o PS de FP que as que pode haber entre o profesorado de secundaria das diferentes especialidades na ESO ou Bacharelato (Debuxo, Matemáticas, Educación Física, Plástica, Linguas, Historia, …). Porén, o condicionamento á titulación de grao máis máster supón que un parte do PTFP non poderá acceder a ese cambio de corpo xa que en diversas especialidades eran admitidas, ata o de agora, titulación de Formación Profesional de Grao Superior e en todas as especialidades eran admitidas as titulacións universitarias de primeiro ciclo (as extintas diplomaturas e enxeñerías técnicas). Para o persoal funcionario de carreira ofrécese permanecer nun corpo PTFP a extinguir e o persoal interino queda nun limbo, sen poder optar á obtención da praza salvo que obteñan a titulación requirida.

 

 

A nosa postura:

 

1.- Estamos plenamente de acordo na unificación dos corpos de PTFP e PS nun único corpo de PS do grupo A1.

 

2.- Estamos en desacordo con que o persoal funcionario de carreira que non dispoña da titulación requirida por defecto permaneza nun corpo inferior, dado que realizará exactamente o mesmo traballo e nas mesmas condicións que o persoal da mesma especialidade que si ostente a titulación.

 

3.- Dada a, cada vez maior, amplitude e variedade de materias e ciclos a cubrir dende cada especialidade de FP, estamos de acordo en que se requira unha titulación universitaria e máster en profesorado, prevendo que unha amplitude na formación facilite a capacidade de adaptación e flexibilidade (en numerosas ocasión excesivas) que estas especialidades requiren.

 

Igualmente consideramos que, sendo contornas ou niveis profesionais diferentes ás que se dirixen os estudos universitarios e de formación profesional, e tendo en conta a experiencia do persoal docente, é fundamental que o profesorado de formación profesional, e moi especialmente o profesorado das especialidade de PTFP a incorporar a PS, teña realizado formación específica en relación aos módulos a impartir ben sexa mediante a propia formación profesional da familia correspondente en calquera das súas variantes (formación profesional inicial de grao medio e superior, permanente ou para o emprego) ou mediante a habilitación dunha formación específica, de amplitude e extensión suficientes, para o persoal aspirante a esta docencia. Como mínimo débese valorar explicitamente a formación na familia profesional correspondente en calquera modalidade e non só os ciclos superiores de calquera familia profesional como até o de agora e débese estudar a posibilidade de esixir esta formación para optar a esa docencia para beneficio do alumnado, do propio profesorado implicado e da calidade educativa e profesional.

 

4.- EXISIMOS que se establezan medidas transitorias para o persoal interino que non dispoña da titulación requirida, particularmente para aqueles cuxa experiencia docente avala a súa capacidade e particular flexibilidade ao estar sometidos ao sistema de interinaxe. REQUIRIMOS que todo o persoal que se atope incluído nas listaxes de substitución e interinaxe na data de aprobación da nova lei educativa LOM-LOE poidan participar de forma indefinida nas OPEs que se realicen sobre esas especialidades, podendo optar a unha praza nas mesmas condicións que o resto de aspirantes. Por suposto, tamén permanecerán nas listaxes e poderán optar a cubrir substitucións e interinidades baixo as condicións xerais recollidas na Addenda de Interinos. De non ter consolidado o posto, ao realizarse unha OPE sobre a súa especialidade a Addenda establece a eliminación da listaxe do persoal non consolidado. Neste caso, este persoal reincorporaríase á listaxe no posto que lle correspondese segundo o resultado obtido nas probas correspondentes.

NON PERMITIREMOS QUE O PROFESORADO PTFP PERDA DEREITOS!