CUT e SLG convocan a terceira folga de mulleres 8M en Galiza

714

O domingo é un día laborable para as mulleres máis precarizadas e vulnerabilizadas polo sistema capitalista e patriarcal. O feito de que este 8 de marzo cadre en domingo convértese nunha oportunidade para visibilizar e colocar no centro a estas traballadoras.

Este domingo hai folga do 8M porque a institucionalización da nosa loita non é posible, porque o domingo é un día laborable e porque as demandas das traballadoras dos domingos nunca están na mesa

A ferramenta da folga non está esgotada, só que este ano non é tan útil para certos sectores. Como van xustificar dende ‘a progresía española’ as peticións na rúa de melloras para as traballadoras do fogar, as kellys, as traballadoras sexuais, as mariscadoras, as panadeiras, as labregas, as traballadoras da automoción, as da hostalería, as dos coidados, as da sanidade, as profesionais da cultura, as xornalistas… se os partidos PSOE e Podemos están no Goberno? Aquí en Galiza, ante unhas eleccións inminentes, cómpre máis ca nunca colocar no centro as esixencias das traballadoras máis precarizadas e que as súas reivindicacións incomoden na campaña electoral. Este domingo hai folga do 8M porque a institucionalización da nosa loita non é posible, porque o domingo é un día laborable e porque as demandas das traballadoras dos domingos nunca están na mesa. Por iso todo, imos pelexar.

Con isto, e tras escoitar as voces dalgúns feminismos galegos que piden esta folga, rexistramos o 31 de xaneiro a convocatoria de folga xeral de mulleres de 24 horas para este 8M da man do Sindicato Labrego Galego.

Agora, buscamos colocar a todas as traballadoras dos domingos no centro. Xuntemos as reivindicacións de todas as precarias e fagámolas indispensables. Aquí non se solta a man de ningunha compañeira. Para todas, todo! Todas con dereitos, ningunha con medo!

#NósTraballamosoDomingo

#NósFacemosFolga8M