CUT e CNT mobilízanse en Compostela baixo a lenda: “A nosa forza é imparábel”

71

CNT e CUT  anuncian unha manifestación dende Praza Vigo o 26 de febreiro contra a criminalización do movemento sindical e a precarización laboral e das vidas das traballadoras.CUT e CNT anunciaban hoxe en roda de prensa a convocatoria dunha mobilización social para o vindeiro 26 de febreiro, ás 20 horas, dende a compostelá Praza Vigo, contra a persecución á que se ve sometido o sindicalismo alternativo e as diferentes agresións promovidas no ámbito laboral que derivan nunha precarización das vidas de toda a clase traballadora. Esta manifestación que percorrerá as rúas baixo a lenda “malia a represión, malia a precariedade, a nosa forza é imparábel!” aséntase, segundo Mari Fidalgo, da CUT, na “necesidade de advertir, utilizando a pértega da solidariedade, que non nos han calar e de que existe un tecido de activistas vivo que xa non ten medo”.
Para Martim Paradelo, da CNT, “diante das máis de 30 imputacións que Fiscalía e Policía Nacional sosteñen contra diferentes persoas polo simple feito de darlle contido ao seu dereito á folga, de exerceren como folguistas, reponderemos como fixemos sempre, dende un principio firme de unidade sindical e social, chamando á acción conxunta e solidaria a todo o tecido asociativo da cidade”, polo que recordaba que “esta convocatoria segue viva, está aberta a todos os sectores populares, aos que chamamos á rebelión activa”.Malia que as dúas centrais sindicas deron máis datos sobre os sumarios abertos contra os folguistas, consideraron unha responsabilidade “centrar a mirada nos paraqués da represión, e no feito de que esta é algo moito máis amplo, que afecta a amplos sectores populares, especialmente hoxe ás mulleres, ás migrantes e ás desafiuzadas e require polo tanto unha resposta en positivo, dun pobo que non ten medo”, continuaba a sindicalista Mari Fidalgo.“Dicir que a nosa forza é imparábel é dicir o que viñemos destacando ata o de agora pola vía dos feitos, que existe un descontento e unhas dinámicas da sociedade que se está a expresar a través da combatividade sindical, da opción por outras formas de autodefensa, da aposta por un sindicalismo que quere máis do que nunca transformar a realidade, sen medias tintas, sen renuncias”, concluía o compañeiro Martím Paradelo.