Hoxe confirmouse un feito que vén reforzar os temores que a CUT viña expresando durante todo o proceso do ERE. Unha vez celebrada a votación das persoas traballadoras que lle daba o visto bo ao pre-acordo, e asinadas as actas, cando se daba por pechado o trámite formal, a propia representación asinante tivo que preguntar á empresa como se computarían os 4 días de flexibilidade ao mes e o seu abono no cálculo da nómina que se fai de día 20 ao día 20 do mes seguinte. Esta cuestión, básica e elemental, evidencia que se votou e asinou sen pechar aspectos fundamentais que afectan directamente ás condicións laborais e salariais das persoas traballadoras.
A CUT non pode asumir un pre-acordo que deixa sen resposta cuestións tan fundamentais como o abono da flexibilidade, porque iso significa que a seguridade xurídica e a claridade sobre os nosos dereitos laborais están en risco. Un pre-acordo non pode ser un documento que só protexa á empresa e deixe ás persoas traballadoras pendentes de interpretacións futuras.
Ademais, a preguntas dos asinantes expresamente se o peche deste ERE limitaba ou impedía que a empresa puidese abrir un novo proceso no futuro próximo. A resposta da dirección foi clara: non existe ningún compromiso de non iniciar outro ERE se a situación o require. Isto deixa patente que este pre-acordo non garante estabilidade nin seguridade, e que un novo ERE podería activarse mesmo este mesmo ano.
É importante comprender que este feito desmonta o principal argumento que se utilizou para presionar á plantilla a votar afirmativamente: a idea de que aceptar agora serviría para pechar o conflito e asegurar o futuro dos postos de traballo. A realidade é xusto a contraria; a espada de Damocles segue pendurando sobre todas as persoas traballadoras. O pre-acordo e a flexibilidade que debemos asumir os que quedamos non funcionan como muro de contención fronte a novos recortes.
Outro aspecto crítico é que os puntos que non quedaron recollidos por escrito preténdense trasladar a unha suposta comisión de seguimento, da que só formarían parte as organizacións asinantes. Isto deixa ao criterio da empresa cuestións fundamentais que deberían estar claramente pactadas.
A experiencia nesta empresa demostra que este tipo de comisións non achegan seguridade xurídica, senón que adoitan xerar novos conflitos e interpretacións unilaterais por parte da dirección.
A CUT tamén fai unha lectura honesta da votación que se produciu. Os votos a favor non poden interpretarse como un apoio real nin convencido ao pre-acordo, senón como un voto condicionado polo medo, pola presión do contexto e pola ausencia de alternativas reais. Nun proceso de ERE, a empresa utiliza a ameaza directa ou implícita de condicións aínda peores como ferramenta de chantaxe. Moitos votos responden á lóxica do “mal menor”, non á aceptación do acordo. As papeletas da votación resumíanse en votar a “pre-acordo ou ERE”.
Por todo isto, a CUT segue formulando a pregunta que permanece plenamente vixente: que se votou realmente se non se pecharon cuestións básicas nin se garantiu que este sexa o último ERE?. A votación non pecha o conflito, non garante a permanencia de postos de traballo, pero dá máis flexibilidade á empresa.
Dende a CUT defendemos que a lóxica sería deixar sen efecto este ERE e negociar medidas de protección e saídas voluntarias, tanto a curto como a longo prazo e pre-xubilacións que cubrirían o excedente, garantindo que calquera proceso sexa claro, xustificado e con seguridade xurídica para todas as persoas afectadas.
O reloxo está correndo: se para o venres 27 de febreiro non se cubriron as prazas de voluntarios que a empresa pretende, que sucederá o luns 2 de marzo?. Realmente a empresa asumirá o excedente que afirma ter sen recorrer a outro ERE?. A curto prazo a empresa pode buscar asegurar que os asinantes non queden expostos, pero o longo prazo segue aberto, sen garantías nin seguridade para as persoas traballadoras.
A CUT non asina este pre-acordo porque non ofrece seguridade xurídica, non garante que sexa o último ERE e non protexe realmente os postos de traballo, e crea máis flexibilidade para o cadro de persoal con consecuencias negativas a nivel social e económico. Mentres estas cuestións non estean claramente pactadas, calquera acordo sería insuficiente e perigoso para a plantilla.












