A Sección Sindical de URBASER da CUT en Redondela atopámonos inmersos nunha campaña reivindicativa a prol da negociación cara a sinatura dun novo Convenio Laboral, que data do ano seguinte á folga que nos vimos obrigados a manter no ano 2008. Xa daquela o motivo do conflito fora a incapacidade negociadora da empresa ou a súa ausencia de sensibilidade para con os traballadores, e dende este suceso nunca máis se voltou a negociar cunhas mínimas garantías de dignidade. Nese sentido decidimos socializar as nosas demandas nos espazos públicos do Concello de Redondela, o que nos levou a colocar tres pancartas. Pero a escasas horas da súa colocación, as pancartas foron retiradas pola Policía Local de Redondela, entendemos que por mandato do goberno actual, ao que parece molestarlle que os traballadores reivindiquemos pacificamente os nosos dereitos, feito que nos parece un agravio comparativo, xa que vemos diariamente pancartas de bodas e de empresas privadas que chegan a pudrir antes de que se ordene a súa retirada. Polo que queremos denunciar esta actuación do responsables desta orde, ao interferir nun conflito laboral abandonando os criterios de neutralidade e imparcialidade que deben guiar a acción dos poderes públicos, posicionándose a prol da empresa e en contra das traballadoras e traballadores.