A CUT denuncia bloqueo informativo en SANTOS

103
A CUT, sindicato con presenza no Comité de Folga de SANTOS Cocina y Baño S. L, denuncia o cerco informativo que se establece sobre a folga indefinida que máis de douscentos traballadores e traballadoras manteñen na principal fábrica de mobles de cociña de Galicia, radicada en Camporrapado, Boqueixón.
Sen ningún xénero de dúbidas, a invisibilización que se fai dunha folga masiva, cun seguimento do 90%, que xa alcanza o seu décimo día, sen ningún tipo de cobertura por parte dos medios informativos a pesares da súa obvia relevancia social e do interese informativo que se desprende da batalla pola dignidade de tantas traballadoras e traballadores en loita por condicións salariais dignas, responde aos intereses das patronais dos medios de comunicación privados e á perversa xestión dos medios públicos galegos, que invisibilizan a loita persistente dos compañeiros e compañeiras mentres serven de altofalante dos poderes antipopulares e da banca.

O exemplo de dignidade das traballadoras e traballadores de SANTOS, defendendo con fortaleza condicións salariais dignas, e un resarcimentos social e económico logo de anos soportando EREs e recortes, é un exemplo que semella que non interesa espallar mais, ao contrario do que nos digan, do éxito de loitas coma esta depende a posibilidade de vivir en dignidade de todas as traballadoras e traballadores.

Por iso a CUT fai un chamado ás traballadoras e traballadores dos medios de comunicación deste país a dar un paso adiante en solidariedade dos seus compañeiros e compañeiras en folga indefinida. Porque non hai nada que reforce máis a moral do cadro de persoal que a xustiza informativa, colocando o conflito no lugar que merece, dotándoo de toda a relevancia que ten, que non é pouca. Chamámosvos a que teñades presente o esforzo destas compañeiras e compañeiros, perdendo día a día o seu salario por defenderen unha das causas máis nobres.  Sabemos, abofé, que pouco se pode facer dende os postos de traballo de medios de comunicación, cada vez máis distantes de cumpriren a súa función social. Mais tamén sabemos que cos pequenos empurróns e esforzos solidarios é cos que as traballadoras e traballadores fixemos xirar o mundo.