A pasada semana a Policía Nacional identificou e procedeu ao rexistro de pertenzas fóra de calquera contexto dun militante da organización xuvenil da esquerda independentista Briga. Se tal intervención, á que as Forzas e Corpos de Seguridade nos teñen acostumadas e acostumados xa é de seu arbitraria, a situación acadou a máxima expresión de persecución política paralegal cando estes axentes lle interviron, sen orde xudicial, o material formativo, persoal e político que este mozo levaba consigo.
Se a situación do Estado Español xa resulta preocupante pola súa democracia de baixa intensidade coas diferentes administracións burocráticas, armadas ou xudiciais pregadas a un programa de persecución das organizacións sindicais e políticas, pero tamén do pensamento crítico, a existencia de actividades parapoliciais de investigación son o perfecto complemento a un panorama que só se poderá reverter nas rúas coa conxura da unidade popular das traballadoras e traballadores.
Dende a CUT sumámonos á denuncia pública e esiximos que se poña fin á incautación ilegal de pertenzas e materiais políticos e persoais da militancia, ao obxecto de investigar e criminalizar a resposta política das iniciativas que nos opoñemos a este sistema clasista, patriacal e negador da realidade nacional dos diferentes pobos.