A Central Unitaria de Traballadoras presentou unha demanda contra Stellantis España SL por vulneración dos dereitos fundamentais á liberdade sindical e á tutela xudicial efectiva tras ser obxecto dunha campaña de desprestixio promovida pola empresa xunto cos sindicatos asinantes do acordo de paga de beneficios.
“Stellantis e os seus socios sindicais iniciaron unha ofensiva pública culpabilizando á CUT da suspensión da paga variable (paga de beneficios), estendendo esta mensaxe mesmo a centros de traballo fóra do ámbito representativo do sindicato e de aplicación xurídica da sentenza”
A CUT denuncia que, tras impugnar legalmente dito acordo por conter cláusulas discriminatorias, Stellantis e os seus socios sindicais iniciaron unha ofensiva pública culpabilizando á CUT da suspensión da paga variable (paga de beneficios), estendendo esta mensaxe mesmo a centros de traballo fóra do ámbito representativo do sindicato e de aplicación xurídica da sentenza de Vigo, como as plantas de Madrid e Zaragoza.
O sindicato xa advertiu no seu día que o sistema e cláusulas establecidas na paga de beneficios penalizaba aos traballadores/as con baixas por enfermidade común, e esa advertencia foi ratificada polo Xulgado do Social nº 2 de Vigo, que na sentenza 633/2024 declarou a existencia de cláusulas discriminatorias contrarias ao principio de igualdade.
Contexto de exclusión sindical e vulneración de dereitos
A CUT, con representación legal no centro de traballo de Vigo, foi excluída da negociación do bono discrecional do grupo para este ano, que nada ten que ver co acordo de retribución variable do 28 de novembro de 2023, onde se acordaron criterios pactados unicamente entre a empresa e sindicatos afíns (SIT, UGT e CC.OO) na comisión da paga de beneficios, sen dar participación á CUT nin permitir a súa intervención.
Resposta antisindical da empresa
A empresa, entendemos, intentou xerar un clima de desconfianza contra a sentenza e contra a CUT en todas as plantas do grupo no estado, trasladando a falsa idea de que a perda da paga de beneficios era culpa da nosa acción legal e da sentenza ditada polo xulgado nº 2 de Vigo. Fronte a esta sentenza favorable, a reacción de Stellantis para a CUT foi alarmante: lonxe de asumir a responsabilidade e corrixir a discriminación, culpabilizou publicamente o sindicato da suspensión da paga variable, difundindo información errónea que afectou a máis de 12.000 persoas en todo o Estado.
Esta actuación, segundo a CUT, busca castigar a acción sindical na vía xudicial e socavar a lexitimidade do sindicato, o que supón unha grave vulneración de:
• O dereito á tutela xudicial efectiva (art. 24 CE), ao penalizar a quen recorre aos tribunais.
• A liberdade sindical (art. 28 CE), ao impedir unha representación plural e igualitaria.
Consecuencias laborais e compromiso sindical
A decisión empresarial de suspender a paga de beneficios non só supón un ataque directo á CUT, senón á xustiza, afectando economicamente a milleiros de traballadores/as.
Esta suspensión é premeditada, e máis cando non habería este ano reparto de dividendos.
A nosa acción sindical é a garantía de que se cumpran os dereitos laborais e a igualdade. A CUT non vai tolerar campañas de acoso nin prácticas antisindicais.
Seguiremos defendendo a dignidade e os dereitos de toda a clase traballadora, por moitas presións que exerzan.