Esta semana concluíu o proceso electoral cunha vitoria incontestábel da CUT en todos os centros da entidade pública empresarial CRTVG. Son os 6 representantes no Comité de San Marcos, 1 nos centros de Lugo, A Coruña e Ourense, e dúas delegadas na delegación de Vigo. Estes resultados cristalizan colocando á CUT nos 5 representantes no Comité Intercentros, fronte aos 2 de UXT, CIG, CCOO e USO.
A CUT chegou a este proceso electoral denunciando que, fronte á necesaria unidade sindical, se optou por dous modelos de representación colectiva: dunha banda un sindicalismo que promove o empoderamento do cadro de persoal, no horizonte de fortalecerse na defensa dos seus dereitos, e da outra o tan coñecido “sindicalismo do medo”, representado pola sopa de siglas CIG, UXT, CCOO e USO que coinciden en remover todos os obstáculos posíbeis para que a empresa poida executar sen custos a súa política de recortes económicos e sociais.
Neste contexto o cadro de persoal decidiu retomar a vía da defensa dos medios públicos e do emprego digno na CRTVG, nun exercicio de dignidade colectiva que abre todas as comportas do centro e permite afondar nun sindicalismo de clase que recolle todo o herdo e tradición histórica do movemento obreiro internacional. Non será unha lexislatura doada, pois tanto a empresa como o Goberno galego teñen decidido que a súa nefasta xetión deste medio público de información a paguen as traballadoras e traballadores.
Será moitos os obstáculos e as manobras da empresa para non recoñecer esta contundente maioría sindical que segue a molestarlles. No medio público xa apuntan as primeiras medidas, como a exclusión da CUT da Comisión Paritaria a través dunha modificación de última hora do texto do Convenio. O desexo desta central sindical é que as compañeiras e compañeiros das outras centrais sindicais inicien o proceso de reflexión que as traballadoras e traballadores demandaron a través do seu voto e que participen desta nova etapa na defensa dos dereitos laborais e dos servizos públicos que a CUT liderará.