CUT CRTVG celebra a volta á negociación colectiva

317

Fronte á política empresarial da fusta, do silencio, do premio e do castigo, a CUT conseguiu con esforzo reabrir a mesa de negociación na CRTVG.

A CRTVG é unha das empresas públicas nas que o PP estableceu un control político máis estábel e directo sobre o conxunto do cadro de persoal. Tanto é así que, dende a incorporación do novo equipo directivo, estableceuse a política do moito pao e pouca cenoura: máis manipulación, máis sancións e nada de negociación colectiva.

foron adoptándose diversas decisións empresarias destinadas a agochar, por baixo de figuras fraudulentas (como diversas modificacións substanciais), a usurpación da negociación colectiva á que a representación colectiva e o cadro de persoal teñen dereito

Neste escenario, a Dirección da empresa primou a unilateralidade: foron adoptándose diversas decisións empresarias destinadas a agochar, por baixo de figuras fraudulentas (como diversas modificacións substanciais), a usurpación da negociación colectiva á que a representación colectiva e o cadro de persoal teñen dereito. O conxunto das compañeiras e compañeiros do centro viron como se lles expropiaba a voz en temas esenciais como a clasificación profesional ou as retribucións polas diferentes tarefas.

Por iso, a CUT viuse obrigada a impugnar xudicialmente diversas decisións empresariais. Fóra das demandas por vulneración do dereito á liberdade sindical por esquirolaxe durante as folgas (todas elas estimadas), tamén se presentaron demandas contra as modificacións substanciais das condicións de traballo, contra o incumprimento de sentenzas ou solicitando que se procedese ao pagamento conforme á legalidade de diferentes conceptos retributivos.

Chegouse a un acordo de suspensión de todos os procesos no que a empresa se comprometeu a negociar co Comité Intercentros antes de finalizado o mes de xuño de 2020 temas como a Clasificación Profesional

A resposta sindical conseguiu deter finalmente a intención empresarial de tomar todas as decisións esenciais ás costas da representación colectiva. Chegouse a un acordo de suspensión de todos os procesos no que a empresa se comprometeu a negociar co Comité Intercentros antes de finalizado o mes de xuño de 2020 temas como a Clasificación Profesional.

Neste sentido a CUT pode sentirse satisfeita desta vitoria, que sería honestamente imposible sen a contribución dos delegados da UGT no centro, e que nos coloca de novo no roteiro da negociación e deposita as decisións esenciais da empresa do lugar do que nunca deberan saír: a mesa de negociación colectiva.