A CUT apoia a folga en ensino do 28A malia ser excluída da súa convocatoria

245

A próxima folga do 28 de abril non foi convocada contando coa CUT.

A CIG, STEG e as Asembleas Abertas do Ensino Público convocaron conxuntamente unha folga no ensino para o próximo 28 de abril. A esta folga chégase coa exixencia explícita por parte do sindicato maioritario para que a CUT non parcipe na mesma convocatoria conxunta. Así pois, o noso sindicato foi excluído do que semellaba que podía ser a convocatoria da unidade entre as voces críticas coa Consellaría de Educación.

A pesar disto, a CUT sempre apoiará as reivindicacións do profesorado e defenderá a folga como ferramenta valiosa na loita das traballadoras. Manteremos este posicionamento aínda cando se nos está a invisibilizar aproveitando a nosa condición de sindicato minoritario, sen financiamento público nin liberados sindicais. Apoiamos a folga e contribuiremos a ela na medida que sexa posible a través do apoio ás nosas afiliadas que a título persoal sigan a participar nas asembleas de ensino. Ata agora, neste espazo buscaron, coma tantas outras docentes, a unidade do profesorado e tamén mostraron abertamente o seu criterio incluso cando era diferente das directrices finalmente seguidas polas asembleas.

Este firme compromiso que temos cun ensino público e de calidade non impide que vexamos as graves eivas que lastran as folgas que se levan convocando nos últimos cursos. É por todas ben coñecido que boa parte do profesorado sinalou como motivos para a desmobilización a falta de unidade entre os sindicatos críticos coa Consellaría, a irrelevancia dos días escollidos para as folgas, a ausencia de planificación, a nula gradación cara a accións máis contundentes e tamén o caos da folga nas avaliacións do pasado decembro.

Neste senso, a finais do ano pasado vimos no nacemento das Asembleas de ensino unha esperanza para axudar a reverter esta situación xa que se presentaban como independentes dos sindicatos, abertas a toda a comunidade educativa e asemblearias no seu funcionamento para garantir que todas as voces fosen iguais. Este foi o camiño que nos levou ás mobilizacións que o 25 de febreiro tiveron un éxito sen precedentes en varios concellos do sur de Pontevedra: unidade, implicación, compañeirismo, igualdade e ausencia de protagonismos.

Agora vemos que, ao implicárense na exclusión da CUT, lonxe de axudar a resolver un problema, as Asembleas contribúen a perpetualo e participan naquilo que criticaban ata hai dous días: falta de unidade dos sindicatos, falta de diálogo e falta desa xenerosidade que tanto demandaban.

É doado entender os motivos de CIG e STEG para deixarnos fóra dunha convocatoria conxunta. A CIG quere silenciar todas cantas voces poidan ser críticas co seu labor de sindicato maioritario, especialmente se proceden dunha ideoloxía de esquerdas; STEG desexa eliminar posíbel “competencia” de cara a acadar representación na Mesa Sectorial Docente e a aumentar os seus liberados sindicais.

En canto ás asembleas, resulta un pouco máis difícil comprender os motivos. Non sabemos que pode gañar o profesorado con esta exclusión da CUT ou en que beneficia isto ao ensino público galego. Desexamos honestamente que continúen na súa organización autónoma e solicitamos que teñan en conta a necesidade de convocarnos dende a unidade a futuras folgas e accións, sen que sexa excluída organización e colectivo ningún con vontade de loita contra a política educativa da Consellería.

Por outra banda, tamén a CIG, o STEG e as Asembleas Abertas do Ensino Público acordaron unha mobilización para o próximo 6 de maio. O día 24 de marzo foron convocadas diferentes entidades implicadas no ensino a unha reunión na que se lles trasladou algo previamente acordado (a data e a deslocalización das manifestacións) e se lles pediu que se implicasen para acadar a participación da maior parte do profesorado. Nesta ocasión, a CUT si foi convidada á reunión e si asistiu.

Non estaremos onde non se nos deixa estar, pero sempre estaremos ao lado do profesorado. Asistimos, polo tanto, a esta reunión posto que agardamos que a mobilización do 6 de maio sexa exitosa e celebramos que nesta ocasión se contara con todas as organizacións e colectivos que defendemos a escola pública.

A CUT estará sempre dispoñible para a unidade cando esta sea real e inclusiva. Cando se nos convoca, estamos; cando se nos exclúe, tamén denunciamos que esa non é a unidade que o profesorado reclama.