CUT apoia a manifestación do 25F no ensino

130

CUT apoia a manifestación do 25F no ensino

Este mércores día 25 de febreiro ás 19.30 h., as Asembleas Abertas do Ensino Público xunto con ANPAS e co apoio de familias e estudantes convocan unha mobilización en varios concellos de Pontevedra para esixir melloras no ensino público. Trátase dunha convocatoria marcada pola unidade que sirve de exemplo para mostrar que o único camiño posíbel é o da implicación de toda a sociedade nos problemas que nos afectan a todas. Así pois, aquí non hai protagonismos nin bandeiras nin exclusividades. Todas temos a mesma voz.

Na CUT, tal e como levamos facendo dende o pasado mes de outubro, apoiamos de formas diversas o camiño iniciado polas Asembleas posto que se presenta coma un “espazo horizontal, aberto e de base” concibido de forma “asemblearia, participativa e aberta, onde todas as voces teñen cabida”.

Por isto, queremos mostrar tamén o noso apoio ás manifestacións do 25F. Sairemos á rúa no Morrazo, Mos, Ponteareas, O Porriño, Redondela e Vigo baixo a reivindicación común da defensa do ensino público e sen desvirtuar nin confundir a unidade que preside a convocatoria. Animamos a toda a sociedade a participar na mobilización, porque a educación é cousa de todas. O noso futuro como sociedade está en xogo.