E a culpa do lume de quen é?

360

Arde Galicia ao tempo que o goberno mira cara outro lado. O reducionismo intelectual, aderezado polos medios de comunicación públicos (CRTVG) e “concertados” (Faro de Vigo, La Voz, Grupo Prisa…), leva a dúas conclusións dogmáticas: a primeira que a causa orixinal do lume débese ao carácter psicolóxico de individuos malhumorados, a segunda é que Portugal non utiliza medio algún para evitar o salto de faísca polo Miño. Ese mesmo reducionismo implica unha conclusión final: a Xunta non ten responsabilidade algunha, fai o seu traballo moi ben, pero claro o tempo é o que é, Maduro é un ditador, Puigdemont está á marxe da legalidade e bla, bla, bla. Palabras para idiotas, pero en Galicia hai cura contra a idiotez, chámase dignidade.

O pobo galego sabe que os gobernos están para facer política, non declaracións de prensa, e a política consiste en tomar decisións: quen decidiu regalarlle o monte á especulación forestal? Quen decidiu que en Galicia non se podía traballar máis o monte co sector agrogandeiro? Que consecuencias tivo a entrada na Unión Europea para nós? Quen executa a política forestal en Galicia decidindo como se fai política preventiva? Quen contrata as brigadas de extinción de incendios?… As decisións políticas teñen consecuencias e obedecen a modelos ideolóxicos e aqueles que apoian a eses partidos son cómplices da barbarie do lume. Ninguén é inocente, todas somos responsábeis.

En Galicia hai cura contra a idiotez, chámase dignidade.

É tempo de saír ás rúas, enchelas de xente e dicir que non os queremos máis, HAI QUE BOTALOS, non aturamos máis a mentira, o roubo, a descomposición progresiva deste país. Precisamos botar aos que están e presionar aos que din ser mellores para mudar a política, do contrario somos cómplices do suicidio.