Unha representación da Central Unitaria de Traballadores/as reuniuse o pasado mércores 15 de xuño co Grupo Parlamentario Socialista de Galicia no Parlamento para solicitarlle a súa mediación no grave conflito que se xerou na CRTVG por mor da apertura de expedientes disciplinarios a tres traballadores en dúas delegacións da TVG.
A Dirección de Recursos Humanos da Compañía comunicoulles hai uns días aos responsables das delegacións de Lugo e Vigo que lles abrira expedientes disciplinarios por cometer supostamente unha falta moi grave, infracción sancionada no convenio colectivo da empresa mesmo co despedimento.
A CUT denuncia que o traballador e as dúas traballadoras afectadas están a ser represaliados por redactar un documento que foi empregado en diversos xuízos en defensa dos compañeiros a compañeiras que foron trasladados ou despedidos tras o peche das delegacións de Ferrol, Pontevedra, Burela, Porto e Bruxelas que se produciu o 30 de novembro pasado.
Unha delegación da CUT, encabezada polo secretario xeral desta Central, Ricardo Castro, reuniuse co deputado do PsdeG Ricardo Varela para expoñerlle esta problemática e solicitarlle a mediación do seu grupo. A Central Unitaria de Traballadores/as considera que a CRTVG pretende con esta actuación inxustificada atemorizar aos traballadores e traballadoras da empresa que están a demandar masivamente para que sexan recoñecidos os seus dereitos. Os compañeiros represaliados só elaboraron unha nota na que se daba conta da situación do persoal antes e despois do peche das delegacións, unha información que a CUT entende que debe ser transparente en toda empresa pública.
Os representantes da CUT, que xa solicitaron unha entrevista co PPdeG, vanse reunir proximamente tamén co Grupo Parlamentario do BNG.