Logo de que todas as asembleas de traballadores e traballadoras aprobasen por amplísima maioría iniciar un calendario de mobilizacións e folgas para esixir que se respecten os seus dereitos, o Comité Interempresas convoca a unha primeira concentración para mañá martes 4 de outubro ás 10:00 da mañá diante do Parlamento de Galicia.
Esta é a primeira das medidas, xunto cunha xornada de folga o próximo luns día 10, para tentar que os partidos políticos que consensuaron un texto que tornará a actual CRTVG nunha Corporación, PPdeG e PSdeG, inclúan na norma a subrogación dos dereitos do cadro de persoal xunto con outras medidas que impidan a privatización da empresa ou a propia disolución da Compañía.
Despois da concentración diante do Parlamento celebraranse máis asembleas para establecer outras medidas de protesta e todas as xornadas de folga que acorden os empregados e empregadas da CRTVG.
A continuación engadimos a ligazón ao pasquín informativo sobre a Lei da CRTVG distribuído polo Comité Interempresas entre as traballadoras e traballadores: http://es.scribd.com/doc/67342939/CRTVG-novalei