CRTVG non respectará este 8M o espíritu da convocatoria de folga e convocará ás mulleres para traballar en servizos mínimos

473

A dirección dos medios públicos xustifica o cambio con respecto ás convocatorias anteriores, nas que se acordou convocar a mínimos só aos homes, dicindo que “o dereito á folga é universal e debe partir de todos os cidadáns”

A CUT rompe as negociacións nos medios públicos e denuncia un grave retroceso ideolóxico que prexudica os avances conseguidos co esforzo de moitas compañeiras nos últimos catro anos

A Central Unitaria de Traballadoras, que por cuarto ano consecutivo rexistrou convocatoria de folga de mulleres para o vindeiro 8 de Marzo, denuncia o que considera un “grave retroceso ideolóxico na dirección dos medios públicos” de comunicación do país, ao negarse a CRTVG, por primeira vez nestes anos nos que se sucederon as convocatorias de folga feminista, a convocar só aos homes para prestar servizos mínimos ese día.

esta deriva ideolóxica da dirección da CRTVG (que se arroga con esta actuación a interpretación da natureza que lle queren dar a esta folga os colectivos convocantes), constitúe unha mostra máis da crueldade, do machismo e do paternalismo que imperan nesta sociedade patriarcal

Para a Secretaría das Mulleres da CUT, que rompeu por esta razón as negociacións abertas na CRTVG para intentar acordar os servizos mínimos coma en anos anteriores, esta “deriva ideolóxica da dirección da CRTVG (que se arroga con esta actuación a interpretación da natureza que lle queren dar a esta folga os colectivos convocantes), constitúe unha mostra máis da crueldade, do machismo e do paternalismo que imperan nesta sociedade patriarcal, que mesmo se atreve a utilizar o poder case absoluto de discrecionalidade empresarial para intentar abortar e invisibilizar unha folga que o contexto da pandemia revelou máis necesaria que nunca”.

As representantes do comité de folga da CUT que acudiron á negociación dos servizos mínimos na CRTVG, a empresa xustifica este sorpresivo cambio en que “a convocatoria deste ano é diferente, xa que non está convocada por todos os axentes sociais” (en clara alusión a outras centrais sindicais que este 8M non convocan folga nin paros), así como en que “o dereito á folga é universal e a reivindicación debe partir de todos os cidadáns”.

Segundo as representantes do comité de folga da CUT, “a CRTVG considera que este ano é suficiente con que os presentadores da TVG e da RG deste 8M sexan case todos homes”, “entenden que esa visibilidade simbólica abonda, cando o verdadeiro obxectivo das convocantes é outro, que nin comparten nin están dispostos a facilitar, para intentar que as mulleres fracasemos”.

Desde a CUT agardan que, malia os atrancos, as traballadoras da CRTVG que non sexan obrigadas a traballar este 8M por seren convocadas a servizos mínimos, sexan unha vez máis exemplo de mulleres que loitan polos dereitos de todas, secundando a folga e as accións que se definan para esa data.

“Seguimos sendo as máis precarizadas, golpeadas pola violencia machista e agora tamén pola pandemia, que nos fixo cargar co peso unha vez máis da crise en todos os eidos: laboral, familiar e de coidados e en todos eles debe notarse que pasa se nós paramos”, afirman, mentres lembran o lema da Central Unitaria de Traballadoras para esta nova folga: todas con dereitos, ninguna con medo