En tempos duros para o conxunto da clase obreira, cómpre parabenizarnos e aprender dos triunfos conseguidos a través da unión e da firmeza nos principios. Velaquí a crónica achegada polos compañeiros de Urbaser Redondela sobre a súa experiencia de loita en defensa dun convenio digno.Agardamos que este relato dea folgos as traballadoras e traballadores do sector da limpeza na Coruña que preparan unha nova folga xeral para o 5 de outubro.
Unha vez máis, a CUT como derradeira alternativa
Despois de case cinco anos sen convenio en Urbaser Redondela, grazas aos paus metidos pola empresa nas rodas do carro negociador, dicir que o último convenio fora asinado despois dunha longa e dura folga de case medio mes, un grande desgaste para a unidade do grupo e o ánimo emocional dos compañeiros, na que os traballadores nos atopamos desamparados de calquera apoio político, pero co apoio popular e de asociacións cidadás de distinto carácter, o que demostra unha vez máis a vontade e sensibilidade do pobo por diante das actitudes políticas, supostamente de esquerdas. Sendo o Concello o pagador, a través do diñeiro aportado polo contribuínte, non se querían facer responsábeis desa concesionaria, desmarcábanse descaradamente, e incluso presionaban os traballadores para que desistisen nas súas reivindicacións polo ben de todos e todas. Unha razón máis para a volta á municipalización deste tipo de servizos.
No 2007 o noso delegado era da CUT, logo de botarmos fóra ao da UXT (o encargado, casualmente) por aplastante maioría. Nos anos seguintes á folga, os esquirois foron premiados con postos de confianza, contratos indefinidos e demais privilexios. E, acto seguido, a empresa comezou unha campaña interna de chismes, desconfianzas, falsidades, sancións e rivalidades entre compañeiros que remataron por destruír o grupo maioritario, quedando só un grupo moi reducido de afiliados da CUT, aguantando ventos e mareas, vendo como os nosos compañeiros se comían entre eles, tal e como o planexaran desde a “oficina”, e levándose por diante tamén a credibilidade do noso delegado e da CUT. Case que podemos velos rir e frotar as mans de satisfacción…
Viñeron novas eleccións sindicais e a patronal recolleu os seus froitos, unha victoria aplastante da UXT (incluso con votos de afiliados da CIG), voltando así o encargado como delegado. Toda esa xente pensaba que o fracaso da negociación e da situación actual era debido a mala xestión do delegado e da CUT. Pero abondaron tan só uns meses para que o persoal, incluído o propio delegado da UXT, caera da burra e batera de fronte coas manobras da patronal, que ensinaba propostas mareantes do boas que eran, pero espellismos no deserto. A CUT nunca fora o problema, quedoulles clariño.Recorreron entón a nós, ao noso carácter loitador e incorruptíbel, comezamos a presión até conseguirmos que o delegado renunciase ao seu cargo. Entramos nós, a CUT.
Houbo un cambio total de actitude dos compañeiros, ata os máis pelotas e amarelos estaban fartos dos desprezos, o respaldo era absoluto, a empresa era consciente. Nese tempo Urbaser estaba en boca dos medios, por folgas e avisos de folga: Vilalba, Jerez, Santiago de Compostela, etc Mantivemos conversas cos compañeiros e compañeiras da CUT de Compostela, con asociaciacións de veciños e veciñas, co Alcalde, con colectivos, todo para poñer de manifesto e explicar a nosa inxusta situación. Conseguiuse que os compañeiros perderan ese medo infundado a defender o seu, e reclamar os seus dereitos.
O resultado? En catro meses asinamos un convenio satisfactorio para todos, incluso atrevémonos a dicir que bo, vendo o contexto xeral de recortes e perda de dereitos. Unha cousa a destacar é que nen fixo falla unha votación para que a asemblea de traballadores o aprobase, sintomático, non? Dicilo é sinxelo, pero en cada negociación coa patronal pesaba a CUT (máis do que pensamos), un traballo de colocar faixas nas rúas e pontes do concello, coas asociacións de veciñas e veciños, cos colectivos, ir ao Concello falar do noso problema e, sobre todo, a unión dos traballadores diante do abuso e desprezo da empresa. Cando da súa boca saíron cousas como que asinariamos “calquera merda” subestimaron o poder de aguante da xente. Desta vez non había medo a dar a cara e a ter asembleas no centro de traballo, baixo a atenta mirada das cámaras de seguridade.
Un triunfo da clase traballadora co apoio da CUT. O covenio gañouse pola actitude dos traballadores que deron a cara e a súa total confianza á CUT, ao seu delegado e asesores.
Viva a CUT e a clase traballadora.
Nota: Aquí falamos en masculino por non ter, entre nós, compañeiras de traballo, non por falla de sensibilidade cara a muller.