CRÍTICA Á DIXITALIZACION DO ENSINO

123

Dende a CUT non nos opoñemos ás novas medidas que a Xunta ven implantando para a dixitalización do ensino, ao contrario estamos a favor de todo o que poida supoñer unha mellora do sistema educativo. Porén somos moi críticos co xeito en que esa dixitalización estase a implantar.

Coa pandemia implementáronse unhas medidas para poder dar clases virtuais, por motivos de confinamiento, nunha situación extraordinaria de emerxencia sanitaria. Os profesores como somos moi obedientes, adaptámonos á nova situación, adicando moitas horas para aprender o sistema e adaptar os currículos á nova situación. Tamén os profesores tivemos que poñer os nosos equipos e dispor dun espazo adecuado onde impartir esas clases virtuais. A Xunta só fixo demandas e os docentes asumiron todo o peso do ensino virtual.

Este curso 2021-2022 no que a situación pandémica foi controlada e xa non se requeriu de medidas extrordinarias, continuouse coa esixencia da creación das aulas virtuais, pero a Xunta segue sen achegar medios materias nin humanos para levar a cabo a tan cacareada informatización e dixitalización do ensino.

A Xunta pretende facer unha revolución dixital a custe cero, e iso é o que non pode ser.

A dixitalización supón un esforzo extra, e debe ser contemplado nos horarios, para que o traballo virtual non se converta nun traballo extra, obrigatorio pero non recoñecido.

Do mesmo xeito, supón un esforzo económico, tanto para os docentes como para o alumnado, ter os aparellos dixitais axeitados para impartir e recibir as clases virtuais. Se a Xunta pretende que se traballen as aulas virtuais, debe dotar aos docentes e alumnos/as dos equipos informáticos para que se leven a cabo as tarefas dixitais. As medidas poden oscilar entre o préstamo,  bolsas de axuda ou subvencións para a compra dos equipos informáticos. Non pode ser que tanto profesorado como alumnado sigan asumindo todo o peso destas medidas de dixitalización, o esforzo debe ser compartido tamén pola administración.

Estas medidas de dixitalización, entendidas unicamente como esforzo persoal, aumentan de feito as diferenzas de clase, a calidade dos equipos informáticos e a calidade da conexión de internet repercute na velocidade de execución e no resultado final das tarefas. A fenda dixital é un feito e pode e debe ser minimizada con medidas concretas por parte de Xunta de Galicia.

Dende os aspectos funcionais, nas aulas virtuais da plataforma moodle, o profesor ten que crear todo dende cero, non é unha plataforma cunha interfaz gráfica que facilite a tarefa, non é intuitiva e rápida, é farragosa e lenta.

Dende o punto de vista académico, a Xunta está recibindo gratuitamente material didáctico especializado, pero non ofrece recursos pedagóxicos para facilitar as tarefas dixitais. A filosofía de fondo é a mesma: cargar ao profesorado co peso de todo o traballo.

Por outra parte, o profesorado estamos a ser controlado. Todo o que o profesor/a subimos na aula virtual pode ser examinado pola dirección do centro e tamén fiscalizado pola Xunta. O profesorado levamos o peso da dixitalización, achegamos todos os contidos, pero podemos ser observados.  O docente é tratado como un ser sospeitoso, e sabe que o seu material didáctico non irá destinado unicamente aos seus alumnos.

A ser un sospeitoso/a de ter moitas vacacións e traballar poucas horas, súmase a sospeita da súa capacidade mesma como traballador/a.

Dado que á Xunta non lle interesan as persoas, os materiais didácticos que o profesor libre e gratuitamente está achegando, poden ser utilizados por calquera, co que supón unha devaluación da principal ferramenta do profesorado, o coñecemento, quitándolle o poder aos profesores e dándolle poder á Xunta. Esto pode ser usado por exemplo nas materias afíns, calquera profesor/a pode dar calquera cousa cos coñecementos que achegaron os que si coñecen a materia.

 Para rematar, as aulas virtuais, destrúense cada ano. Cada novo curso débese crear todo de novo, salvo acordo extraoficial, non importa se se van a impartir as mesmas materias, parece que se trata de ter ao persoal ocupado diante do ordenador, como un xeito de domesticación dos seres pensantes para convertilos en seres executantes de tarefas burocráticas.

O ensino é unha tarefa primordialmente humana, un bo profesor debe seguir formándose e investigando para poder ofrecer contidos e metodoloxías actualizadas e valiosas.

Todo o tempo que se adica á burrocracia e tempo roubado ao lecer e a ao aprendizaxe.