CASA DAS CRECHAS S.L. CONDENADA POR VULNERACIÓN DE DEREITOS FUNDAMENTAIS

196

As diversas denuncias que a CUT leva realizado da neglixencia, os incumprimentos e as prácticas antisindicais nesta empresa, veñen de ter un reflexo contundente por parte da xudicatura. Casa das Crechas foi condenada no Xulgado do Social nº1 de Compostela pola vulneración de dereitos fundamentais da nosa delegada Claudia P. Fidalgo e está obrigada a repoñer á compañeira en todos os seus dereitos laborais e representativos, polo que debe ser restituída como representante lexítima das traballadoras e traballadores. Logo de varios meses de conflito laboral, decidimos reproducir a seguinte análise do conflito sindical en Casa das Crechas SL. Casa das Crechas, un conflito común e peculiar ao tempo. Un dos eixos de traballo clásicos xa da Central Unitaria de Traballadores e Traballadoras (CUT), ao par da súa actividade clasista en empresas de maior entidade, é o traballo sindical en pequenos centros inseridos no sector servizos. Concretamente, grande parte do noso traballo está centrado na comarca de Compostela propiamente no sector hostaleiros. Dende a representación sindical hoteleira (NH, Hostal dos Reis Católicos, Hesperia Peregrino…) aos lóxicos conflitos individuais e/ou colectivos en pequenas empresas do sector. Os pequenos centros de traballo, ou pequenas empresas, son desconsiderados decote polas centrais maioritarias polos custos asociados ao desenvolvemento dunha acción sindical honesta e coherente. É lóxico (non así para nós) de considerarmos que estas centrais sindicais deciden segundo criterios electoralistas ou de representatividade toda a súa acción sindical: non hai para elas sindicalismo coherente onde non hai afiliación/votos. Uns presupostos moi distantes, abofé, aos da CUT. A interminábel historia dos incumprimentos laborais en servizos. Quizais disto se derive unha das principais explicacións para dúas situacións ben preocupantes: dunha banda a gravidade e cotiandade dos incumprimentos en material laboral nestes “pequenos” centros que sistematicamente teñen relación con cuestións estruturais das relacións de traballo, abandonados polo sindicalismo clásico, e doutra banda a incomprensión á que se somete o desenvolvemento dun plano de acción sindical coherente e combativo, que habitualmente se manifesta no illamento das traballadoras e traballadores que nestes centros izan a voz, abandonándoos á súa sorte fronte ao empresariado. Que a CUT non se manexe segundo parámetros utilitaristas implica que a relevancia da reivindicación das nosas lexítimas conquistas como clase en ámbitos de traballo con esta fisionomía ocupa un papel igual de relevante na nosa planificación sindical do que o sindicalismo activo noutros centros de traballo con ben máis repercusión ou “cota de pantalla sindical” (Panrico, Cespa, Urbaser, Santos, Clece Clínico ou CRTVG, por poñer só algúns exemplos comarcais). Así é e así debe ser dende as lóxicas do sindicalismo coherente, combativo, clasista e revolucionario. A CUT ten claro que a patronal non ten cor política, a súa única bandeira é o Capital. Esta reflexión previa, tan necesaria para entender dende fóra a actividade da nosa Central e das compañeiras e compañeiros en cada empresa concreta, lévanos á necesidade de obviar e relacionar directamente coas nefastas implicacións que para a clase traballadora ten o discurso socialdemócrata e neoliberal as diferentes críticas que se emiten contra nosa acción sindical en espazos como Amarante Setem, Casa das Crechas, ou coma as verquidas contra as nosas compañeiras e compañeiros da CNT no caso da Sala Nasa. As valoracións que se comprometen abertamente coa patronal ou que sofren dunha estraña vontade de “casco azul” poñéndolle unha candea ás traballadoras e outra á patronal non gozan do noso interese: que cada quen decida o mellor momento para facerlle fronte ás manifestacións interiores e exteriores da súa propia alienación. Nós seguiremos a facer sindicalismo de clase e dende abaixo. Notas ao rodapé dunha sentenza: loita e represión sindical en Casa das Crechas. A conflitividade laboral é dialéctica e dinámica. En marzo do 2010, no seo dunha situación xa conflitiva, constitúese a sección sindical da CUT na empresa Casa das Crechas. É a consecuencia lóxica de meses de reivindicacións que os traballadores e traballadoras desta empresa intentaron artellar pola vía da negociación, recibindo sistematicamente a negativa da empresa. As portas da negociación colectiva permaneceron sempre pechadas. Esta foi unha primeira e primitiva resposta colectiva aos incumprimentos, comúns en hostalería, mais non por iso irrelevantes, en materia de contratación (unha parte do plantel carecía de contrato e alta na seguridade social), a imposición dunha xornada laboral excedente prohibida pola lei laboral e non retribuída, o impago do complemento de nocturnidade, a imposición de xornadas de 7 horas a un traballador contratado por 4 horas primeiro e despois 5, o non recoñecemento dos días de asuntos propios ou a redacción dun calendario laboral obrigatorio, en aras da conciliación da vida persoal e laboral. Dereitos estes calificados en setenza, e polo sentido común, como “básicos”. As diferentes negativas da empresa á negociación colectiva levan á sección sindical a promover mediante asemblea unhas eleccións sindicais, nas que a maioría absoluta recae na única candidatura presentada, a de Claudia Fidalgo, pola CUT, con 8 votos a favor e ningún en contra. Inmediatamente, e como resposta da empresa, a traballadora Claudia Fidalgo “foi relegada por parte da entidade demandada na súa función de encargada de barra”, e a empresa empeza a atorar, como resulta probado en sentenza, o espazo de diálogo laboral e sindical necesario “a empresa manifesta tanto a representante legal como os traballadores da empresa, que non está dacordo con que o integrante e asesor do sindicato este presente nas negociacións de aplicación do convenio colectivo”. A disidencia das compañeiras e compañeiros (“a actividade sindical despregada”) no centro de traballo, di a sentenza, é “recibida con moito receo por parte da empresa que non facilita a actividade da demandante”, ao tempo que se reflexa que “o administrador da empresa non mostra a súa disposición ante as devanditas reclamacións”. Diante desta negativa reiterada, e ao tempo que se suceden as concentracións solidarias, a delegada de persoal acode á Inspección Laboral, que a primeiros do 2011 expide unha acta chamando á empresa a aboar o complemento do nocturnidade e redactar un calendario laboral, ao tempo que sanciona administrativamente á mesma polo incumprimentos contrastados. O silencio da empresa e a negativa ao pago reiterouse, por iso a sección sindical decide interpoñer unha demanda no Xulgado do Social para repoñer a legalidade laboral na empresa que está aínda pendente de próxima vista. Durante o mandato da delegada de persoal “a empresa non facilita toda a documentación que se require en calidade de representante legal dos traballadores”, e ao tempo que os empregados comezan a realizar manifestacións públicas, a empresa comeza a accionar para esfarelar a sección sindical e promover unha posterior revogación da delegada. A revogación é un proceso de para retirar a confianza depositada polas traballadoras e nun/ha representante sindical lexítimo/a que só pode desenvolverse na observancia do dereito fundamental á liberdade sindical. Isto é, sen coaccións ou intervención da empresa. Así, con data do 08-1-2011 un traballador da nosa sección sindical “foi obxecto de despedimento inicialmente por motivos disciplinarios para con data do 11-01-2011, recoñecendo a improcedencia do mesmo por parte da empresa (sic), pactando entres as partes, as condicións do mesmo”. Logo despois, séguese unha modificación de capital dentro da empresa, para que un dos socios merme a súa participación no capital da mesma (condición que lle impedía ser contratado polo réxime común, e poder así articular e dirixir o proceso de revogación. Redactado pola sentenza nestes termos: “O censo electoral a través do cal se convocan as eleccións a representante dos traballadores en data de setembro do 2010, resulta ser substancialmente distinto ao censo electoral que só 6 meses despois dá lugar a unha nova convocatoria de revogación da delegada sindical, así o socio administrador da empresa socio cofundador D. XXX, que reside en Lisboa e que só esporadicamente concorre ao centro laboral o que demostra que ignora o verdadeiro curso do negocio, dende data de febreiro do 2011, é dicir xusto antes da convocatoria da asamblea dos traballadores, de revogación da delegada de persoal, figura como persoal laboral con categoría de auxiliar administrativo, no réxime xeral despois de modificar os estatutos acerca das participacións socios deixando ao outro socio, sr. III, máis coñecedor do curso do negocio, dado que ao menos reside dentro do territorio nacional, como administrador único da sociedade e concurrindo este sr. XXX, á asemblea de revogación sen que conste que en realidade realice actividade ningunha dentro da empresa relacionada coa súa categoría profesional recentemente adquirida e menos se reside fóra do territorio, isto evidencia a manobra da empresa, para alterar o censo electoral e ampliar a posibilidade [de] voto positivo para a relegación da delegada sindical” ao mesmo tempo que a sentenza manifesta que a contratación “ex novo” dunha limpadora é “exemplificativo da vontade da empresa de engadir a estes membros” e que “unha das empregadas e codemandada, aparece en data das eleccións sindicais como camareira e de duración determinada para no censo de revogación aparecer como indefinida con categoría de axudante de encargado sendo que esta empregada era sobradamente coñecida pola empresa como unha empregada que está en contra das medidas adoptadas e do xeito en que se realizan as reivindicacións […], o que evidencia que a empresa a pesar de non ter gran antigüidade na empresa cambia o seu contrato e categoría profesional para gañarse e afianzar o voto de revogación da delegada sindical”. A sentenza non deixa de facer constar a participación clave do encargado xeral no proceso de revogación, advertindo que “non é máis que unha canalización da vontade da empresa” que non ten “lexitimación para promover esta asamblea” sendo que “a empresa manipula o censo electoral vulnerando o artigo 67 do ET”. Estes feitos relatados, entre outros sobre os que evitaremos estendernos, son “indicativos, de evidentes actos obstrutivos da empresa tanto durante o mandato da demandante como representante dos traballadores como pola manipulada convocatoria de asamblea de revogación, non resultan máis que ser actos que evidencian a vontade da empresa de vulnerar a liberdade sindical de recente iniciativa dentro do centro laboral un alarde inxustificado de manter o “status quo” anterior.” ao tempo que asegura que non “é suficiente o feito alegado pola empresa demandada acerca de considerar que o sindicato CUT realiza actos de decrédito hacia a empresa dado que esto en todo caso debe encararse na liberdade de expresión” especificando que Claudia Fidalgo “non realiza na súa prestación de servizos, acto algún que poida considerarse atentatorio contra a empresa senón só os propios derivados da súa actividade sindical”. Unha sentenza do social para unha nova etapa e a importancia da solidariedade. A setenza á que tanto nos referimos correspóndese co peche dun proceso xudicial no que este sindicato demandaba a vulneración de dereitos fundamentais da traballadora Claudia Puga, revoga como delegada de persoal por unha manobra dirixida pola dirección da empresa. En resposta a isto, a sentenza do Xulgado do Social nº1 condena á “entidade demandada como ao codemandado sr. Xulio López ao cese da súa actividade antisindical” e a repoñer “á demandante no seu posto lexítimo de delegada de persoal, con todos os dereitos inherentes a tal declaración”. Ao tempo que os condena solidariamente ao resarcimento dos danos e prexuízos. O restablecemento da compañeira Claudia Fidalgo na súa calidade de representante dos traballadores e traballadoras que se deriva desta sentenza, abre un novo ciclo nas relacións laborais na empresa Casa das Crechas SL. Unha vez máis, a Central Unitaria de Traballadores e Traballadoras (CUT) empraza publicamente á empresa Casa das Crechas Sl a repensar os caudais verdadeiramente democráticos de relacionamento entre traballadoras, traballadores e empresa e chama á normalización do diálogo entre as partes. Estamos, como o estivemos sempre, abertas e abertos a un espazo de negociación, que non pode obviar a execución estrita das condicións laborais recollidas no Convenio Colectivo de Hostalería da Provincia de A Coruña, e a restauración da normalidade laboral na empresa. Queremos tamén facer público o noso agradecemento ás mostras de afecto e solidariedade da familia, dos amigos e amigas e do conxunto das traballadoras e traballadores que estiveron durante o conflito ao pé dos compañeiros e compañeiras deste centro de traballo. Queremos celebrar a dignidade, a coherencia e a solidez de todas e todos vós e sobre todo queremos parabenizar a valentía indomeábel das compañeiras e compañeiros que nese centro de traballo falaron e dignificaron a voz do conxunto da clase traballadora, cos custo que se derivaron para eles. A restitución de Claudia Fidalgo como delegada de persoal é unha conquista colectiva. E non pode deixar de aledarnos o feito de que unha compañeira coa enteireza e coa decisión de Claudia continúe a ser representante colectiva, porque só voces como a súa, ao servizo dos dereitos do conxunto da clase traballadora e ao servizo da autoafirmación e empoderamento das mulleres nos centros de traballo e no ámbito sindical, poden garantir que a nosa loita pola emancipación nacional e social sexa un éxito. Grazas a todas e todos. A loita continúa! Compostela a 15 de setembro do 2011