COVID-19, estado de excepción e Pactos da Moncloa

405

Fai unha semana Sánchez Castejón, Presidente do Goberno do PSOE e Podemos, afirmou na rolda de prensa semanal a necesidade de camiñar cara a uns novos Pactos da Moncloa despois de que pase a crise sanitaria. Que ninguén pense queafirmación é unha máis das ocorrencias ás que nos ten acostumadas o “goberno progresista”, non. O sistema, vendo o que vén, está achanzando o camiño.

Vaiamos acostumando o oído de agora en diante: Pactos da Moncloa, goberno de concentración, rescate, axuste orzamentario…Efectivamente, cando xa pasaron tres semanas da declaración do estado de alarma polo Goberno español, quedou ben claro o que desde a CUT mantivemos: que dita declaración do “estado de alarma” tratábase na realidade do establecemento solapado dun verdadeiro estado de excepción.

Reiteramos que enfrontar unha situación de emerxencia sanitaria como a que vive medio mundo coa pandemia da Covid-19 só é posible desde un enfoque humanitario e fondamente social. Xamais poñendo en primeiro plano os intereses do capital. Consecuentemente, a pandemia enfróntase cunha comunidade científica que determine os criterios a aplicar, cunha sanidade pública forte e estruturada, e desde unha sociedade civil organizada, informada e solidaria.

Desde que comezou a crise sanitaria nada disto ocorreu. Si vimos, ademais da incompetencia do goberno de Sánchez Castejón e compañía, a improvisación e a ocorrencia. Pero vimos sobre todo a elaboración e escenificación de toda unha narrativa de naturalización do réxime do 78 en toda a súa esencia: a unidade de España, o Exército de Franco nas rúas e a policía e Garda Civil protagonizando desplantes con total impunidade e co aplauso da Brunete mediática e o neofascismo que asexa desde os balcóns agochado nun suposto apoio ao colectivo sanitario ?que, curiosamente, para a narrativa da Sexta agora son heroes?.

Agora toca tirar de receitario para que asumamos o mantra do “inimigo común”, non escatimando na linguaxe militarista e patrioteira española. Todo iso ten un obxectivo: amarrar a conciencia da xente para que non descubra o carácter criminal da xestión da crise sanitaria

Dito relato propagandístico non é casual. Nos laboratorios do réxime saben de que vai realmente a presente crise, saben demasiado as consecuencias que están por vir, e prepáranse para iso. Primeiro inocularon o pánico no pobo, para que este se axeonllara nunha clara posta en escena da doutrina do choque. Agora toca tirar de receitario para que asumamos o mantra do “inimigo común”, non escatimando na linguaxe militarista e patrioteira española. Todo iso ten un obxectivo: amarrar a conciencia da xente para que non descubra o carácter criminal da xestión da crise sanitaria, para que non nos organicemos e pidamos responsabilidades na rúa.

A pesar da colosal e mentireira propaganda de desinformación dos medios de comunicación do réxime, esta crise destapou como nunca as costuras do sistema capitalista en todas as súas vertentes. A Covid-19 puxo ao pairo unha nova crise estrutural que xa o era. Puxo en evidencia a Unión Europea como o que verdadeiramente foi desde a súa fundación, unha ferramenta capitalista ao servizo do capital transnacional e do imperialismo, e absolutamente allea á realidade social e sanitaria dos pobos.

A pesar da colosal e mentireira propaganda de desinformación dos medios de comunicación do réxime, esta crise destapou como nunca as costuras do sistema capitalista en todas as súas vertentes

Os xestores do PSOE e Podemos sábeno. Todo isto tamén o coñecen os demais partidos e axentes do sistema con independencia do seu rol institucional. Eles saben que isto é insostible, saben que haberá rescate ?que chamarán con calquera eufemismo? e que terá que ser pagado coa suor da clase traballadora. Eles saben que o poscoronavirus será máis cruel que o primeiro: novos recortes, precariedade laboral, represión, estado policial, etc. Por iso nos preparan para esa circunstancia, por iso Sánchez Castejón anunciou os II Pactos da Moncloa. Por iso desde o Goberno PSOE-Podemos ponse énfase “no papel chamado a xogar polos sindicatos na xestión poscoronavirus”. Os sindicatos de clase? Obviamente non, serán as corporacións sistémicas de CCOO e UGT.

Chama a atención que desde o primeiro minuto no que Sánchez Castejón redescubriu os Pactos da Moncloa, a maioría dos tertulianos e columnistas a soldo do sistema non escatiman panexíricos e libelos para describirnos as bondades e vantaxes do atentado á clase traballadora sucedido no 1977. Chama a atención especialmente o papel desempeñado polos medios dixitais voceiros da política podemita para branquear dito evento noxento para a clase traballadora e para os pobos do Estado.

Os acordos asinados en novembro de 1977 constitúen a cimentación do que se denominou “réxime do 78”. A alianza do franquismo representado por UCD e AP co PSOE e PCE fixo posible borrar de golpe a loita da clase obreira das décadas anteriores para axeonllala diante da patronal. Tamén lexitimou a peste borbónica coa restauración, consagrou a negación do dereito a decidir das nacións oprimidas e, en definitiva, deulle patente de corso aos grandes grupos oligárquicos ata o día de hoxe.

A CUT dicimos desde agora NON diante da eventualidade de que se repitan os nefastos Pactos da Moncloa. Do mesmo xeito, poremos todo o noso esforzo e coordinación intersindical para evitar que a clase traballadora e os sectores populares paguen de novo os pratos rotos deste sistema capitalista agónico que se nega a morrer e intenta, a través dos seus novos xestores, reflotar os intereses do gran capital financeiro.