CORONAVIRUS: estado de alarma ou ensaio do estado de excepción?

1733

A propaganda alienante

Fai tan só un mes, para a maioría dos mortais vislumbrar a situación que estamos a vivir coa crise sanitaria provocada polo coronavirus sería simplemente inverosímil. Para moitos e moitas, prever a loucura que hoxe vive medio mundo era simplemente imposible, pero para uns poucos estaba dentro das hipóteses posibles. Non exactamente debuxada como a pandemia do COVID-19, pero si como calquera outra manifestación epidémica froito do desenfreo capitalista.

A xigantesca propaganda capitalista, é dicir, os medios de comunicación do sistema, logrou nas últimas décadas a alienación de inxentes masas, facendo posible que miles de millóns de persoas no mundo sexan incapaces de razoar e pensar. Lograron instalar de xeito perverso na conciencia da nosa xente a necesidade consumista e o desarme cultural máis básico instalando nos miolos a incapacidade crítica.

A desinformación programada

O inimigo sabe ben o que fai. Con tal de obter os seus obxectivos non escatimará o uso de múltiples ferramentas, aínda que sexa a costa da saúde e da vida dos pobres da terra. Este contexto é o que explica o actual estado de choque da maioría da poboación. O pobo foi aleccionado para enfrontar esta crise sanitaria, social e económica por medio do medo e do pavor sutíl.

Fagamos memoria: fai só dous meses, o tratamento informativo que lle daban os medios “occidentais” ao SARS-coV-2 era dunha “epidemia chinesa, derivada do consumo de animais salvaxes no mercado de Wuham”. Toda una mostra de cátedra periodística eurocentrista destinada como penso para o público europeo, fundamentalmente o español.

Incluso cando o drama xa era una realidade no norte de Italia, a SER, La Sexta e outros medios de propaganda semellantes, xustificaban a rápida propagación do coronavirus pola falta de previsión e organización do Goberno italiano. Esta foi a primeira fase do substrato  informativo para a poboación do Estado español. A partir de aí e coa aparición do primeiro morto en España, a frivolidade informativa mantida con China e Italia converteuse nunha campaña de pánico sutil ben orquestrada. En dous días o COVID-19 pasou de ser un asunto de chineses a converterse nun problema de Estado.

Con estes antecedentes é perfectamente entendible que milleiros de persoas desinformadas e bloqueadas polo pánico arrasen con carros de non se sabe o que dos supermercados. E ten a súa lóxica que a xente se refuxie no inmediato, o seu choio ou a súa familia. Enténdese tamén que persoas que xamais foron vistas na rúa defendendo a Sanidade Pública saian aos balcóns a aplaudir ás traballadoras da saúde, respondendo ao chamado de quen está, no pasado e no futuro, detrás dos recortes da sanidade. Que perversa ironía. No actual marasmo de medo e desinformación é posible calquera cousa, e xa o estamos a ver.

O Estado de Alarma

Cando isto pasa, é dicir, cando o inimigo logrou alienar ou amedrentar a una maioría social, non é doado ir a contracorrente e manter una posición crítica, mais hai que facelo. Como organización sindical de clase, como esquerda sindical, non podemos nin estar caladas, nin moito menos caer na inxenuidade do “todos contra o coronavirus”. Quen son todos? Feijoo, Aguirre, Margarita Robles, Marlaska? Habería que ser moi inxenua para creer nesa caterva.

A declaración de Estado de Alarma no sentido sanitario e social ninguén o discute. Outra cousa sería comungar con rodas de muíño. Non imos confundir nunca o Estado de Alarma no sentido sanitario, social, humano, económico ou solidario con outra cousa moi distinta. Que pinta na rúa o exército español, que papel desempeñan a policía e a garda civil? Ou é que estamos nos preparativos do Estado de Excepción?

A pandemia mitígase con información a todo o pobo, transmitida polo mesmo pobo. O coronavirus enfróntase desde a información, desde a conciencia, desde a responsabilidade individual e colectiva, non desde a forza e o decreto antipopular. A pandemia combátese cunha sociedade civil, preparada, organizada, informada e disciplinada. Demostrouse cando o Prestige. Cabería preguntarse onde quedou e para que serviu a lexislación sobre o voluntariado que se propagandou daquela.

A actual pandemia combátese con xente preparada e educada tanto no ámbito sanitario como no civil. Os desertores do arado, os mercenarios ou os sicarios do Réxime non están para axudar ao pobo nin moito menos para enfrontar ningún coronavirus.

A doutrina do choque

A calquera persoa atenta non debe de escapárselle  que estamos nas portas dunha grande recesión capitalista. Unha nova crise estrutural sistémica que se solapa coa crise sanitaria. É obvio que a crise do coronavirus se vai converter na gran coartada, no gran pretexto para que o inimigo a faga caer nas costas dos traballadores e traballadoras.

Tempo haberá para reflexionar sobre a orixe da actual pandemia, non só no ámbito da comunidade centífica, senón na dimensión xeopolítica e como arma de guerra económica e comercial. Pero hoxe, cando aínda está moi lonxe o remate deste pesadelo, podemos afirmar que con esta crise vense de abrir outra etapa histórica do capitalismo. Canto antes o vexamos, mellor será para combater as ameazas que se aveciñan.

Ten toda lóxica do mundo que os laboratorios ou cloacas do Réxime pensen en futuro. Cando un voceiro calquera toque a corneta e anuncie o final da crise do coronavirus, non antes do mes de maio, virá o verdadeiro calvario para nós, as traballadoras e traballadores. Desemprego, peche de empresas, débeda fiscal, hipotecaria, desafiuzamentos, embargos, pensións non revalorizadas. Esa será a paisaxe. Será aí onde se entenda o porqué da presenza dos picoletos e dos sorches nas rúas do Estado. O inimigo sábeo.

É obriga ineludible da esquerda sindical e da CUT enfrontarse ao desafío que comeza, e dicirlle forte e claro tanto á politiquería que nos goberna como á Gran Patronal que esta crise terán e deberán pagala eles, os xenocidas do Estreito, Iraq ou Siria; deberán pagala os ladróns da Casa Real Española, comezando polo actual rei felón; deberán pagala as Botín, os Entrecanales, os Ortega e todos aqueles que levan xa anos a lucrarse a costa da nosa saúde.