Copo Ibérica irá á folga o vindeiro 8 de xullo

752

A asemblea de traballadoras e traballadores de Copo Ibérica, empresa do sector da automoción ubicada en Mos, aprobou por ampla maioría (108 votos a favor, 26 en contra e 4 en branco), convocar unha xornada de folga o vindeiro 8 de xullo para deixarlle claro á empresa que XA ABONDA!

O aumento da carga metabólica que produce o uso da máscara e da pantalla facial unido a estes altísimos ritmos de traballo xera un esgotamento físico extremo.

Xa abonda da redución de tempos nas operacións, que provoca ritmos de traballo irrealizables, superiores aos de antes da pandemia. O aumento da carga metabólica que produce o uso da máscara e da pantalla facial unido a estes altísimos ritmos de traballo xera un esgotamento físico extremo. Os trastornos musculoesqueléticos que provocan estes ritmos condicionan a nosa calidade de vida dentro e fóra do centro de traballo.

Xa abonda do trato vexatorio co persoal eventual, que non coñece nin a data de finalización do seu contrato e ten que ter unha dispoñibilidade absoluta, vivindo pendentes do móbil e facendo imposible unha conciliación real ou simplemente unha vida social normal.

Xa abonda de chantaxe: “se non asinas o ERTE que te propoñemos, haberá penalizacións económicas”. Esta dirección aplica un ERTE sen ningunha compensación -o único destas características aplicado en todo o sector- e pretende castigarnos por non dobregar.

Esta convocatoria dunha xornada de folga e loita é un aviso, é unha chamada á dirección da empresa para que troquen a súa política de “ordeno e mando” pola do consenso.

Esta convocatoria dunha xornada de folga e loita é un aviso, é unha chamada á dirección da empresa para que troquen a súa política de “ordeno e mando” pola do consenso. As traballadoras e traballadores de Copo Ibérica queren deixar claro que se a empresa non para, elas tampouco o farán.

 

Os representantes da CIG abandonaron a asemblea antes da votación e logo comunicaron que non apoian a folga, facendo caso omiso do mandato das traballadoras, que malia todo sairán ás rúas.

A xornada de folga do 8 de xullo estará acompañada dunha manifestación ás 11 horas con saída dende a sede da empresa, en Mos (Pontevedra), para que a sociedade coñeza como as gasta o Grupo Copo.