Convenios dignos

112
Martes de Entroido, 25 de Febreiro
CONCENTRACIÓN/MANIFESTACIÓN
Ás 12 horas, desde a Praza das Travesas ata Citroën

Nos últimos tempos, o sector da automoción ten sufrido innumerables cambios. Cambios aos que a patronal sempre se adaptou, pero que aproveitou, baixo a escusa da “competitividade”, para iren reducindo as condicións sociais e económicas das persoas traballadoras. Pola contra, esa competitividade o único que arroxa é un incremento na marxe beneficios e un maior reparto de dividendos para os accionistas.

Mentres eles aumentan os seus ingresos, increméntase a precariedade do sector, pragado  de empresas multi-servizos, Etts, subcontratación de traballos, externalizacións, etc, onde, segundo descendemos nos eslabóns, máis precarias son as condicións.

Os traballadores e as traballadoras do sector non podemos estar sempre baixo a ameaza da competitividade, cando os datos revelan que o sector da automoción de Galiza é un dos mais competitivos de Europa.

É preciso que os Convenios que se negocien leven aparelladas melloras para as persoas traballadoras tanto no terreo social como no económico, porque só dende unha perspectiva de reparto da riqueza a sociedade, en xeral avanzará e non pode ser que esa riqueza sexa repartida unicamente entre especuladores que teñen como único obxectivo seguir enchendo os seus petos a costa de baleirar os nosos

Esta lacra está presente en todos os sectores produtivos, é un mal que padece unha sociedade cada día máis empobrecida. Estando a debate o sostemento das pensións e a revalorización das mesmas, non se trata só de crear novas taxas para recadar, que é de xustiza impoñer ás multinacionais e ás empresas dixitais para que coticen o que corresponde. É tamén necesario e de xustiza establecer salarios e cotizacións acordes ao custo da vida, rematando coa precariedade nas contratacións, implantando un reparto da riqueza máis igualitario entre a sociedade.

Por iso, dende a CUT promovemos unha concentración/manifestación sen siglas este vindeiro martes de Entroido en defensa da clase traballadora e para denunciar a precariedade laboral. Por salarios e cotizacións dignas e, en consecuencia, pensións de futuro dignas.