Centos de traballadoras do ensino público, convocados pola CUT Ensino, recibimos a Alfonso Rueda ao grito de “A solución a consolidación” e “Rueda e Feijoo, prevaricación” ás portas do Parlamento galego durante a súa toma de posesión como máximo responsable de Xunta de Galicia.
A protesta dos docentes galegos prodúcese no marco da aplicación da Lei de Redución da Temporalidade nas Administracións Públicas, que para os concentrados está a ser incumprida de forma flagrante pola Consellería de Educación.
O Comité de Folga, convocada o pasado 3 de maio pola CUT, reuniuse no día de onte co Subdirector Xeral de Recursos Humanos José Luís Canosa para exixir unha solución para o profesorado temporal que leva anos ocupando postos estruturais nos centros de ensino galego ante a considerada polos convocantes como “unha oferta de consolidación dos docentes que só cubre ao 30% das afectadas polo abuso de temporalidade” e que levará a centos de profesores ás filas do SEPE.
A CUT Ensino lamenta a falta de apoio por parte dos sindicatos da Mesa Sectorial de Ensino na negociación do futuro do profesorado temporal e deixar facer á Consellería ao seu antollo e anuncia novas mobilizacións para o día 22 de Maio, durante o nomeamento en Pontevedra de Alfonso Rueda como presidente do PP galego.