Contra o espolio de Galicia: Altri NON!

57

Dende o Secretariado Político da CUT queremos manifestar cal é a opinión que mantemos sobre o expolio que está a sufrir Galicia dos seus recursos e do seu territorio, perpetrado polo Capital transnacional, coa connivencia e colaboración dos que nos gobernan que, no canto de defender os intereses de todos os galegos/as, se poñen ao servizo do capital para que poida obter beneficios coa mínima inversión.

Altri (macrocelulosa en Palas de Rei), proxecto de central hidráulica de Bombeo (Monte da Ruña en Mazaricos), Mina para a extracción de prata (Touro)… e unha morea de proxectos máis que están anunciados ou en período de tramitación.

“A oposición dos diferentes sectores do pobo, ecoloxistas, residentes, expertos… ou non se contesta ou é atacada polos adlateres do capital”

Todos estes proxectos teñen en común que están promovidos polo capital e os seus lobistas que aprezan, e con razón (quen debe velar por que isto non suceda está do seu lado) , que Galicia debe ser explotada para aumentar os seus beneficios, beneficios espúreos, obtidos do espolio dos recursos e do territorio. O expolio de todos os galegos e galegas que ven como o seu rexeitamento non se ten en conta para tomar a decisión que os gobernantes do PP teñen xa tomada con argumentos peregrinos (industrialización, creación de postos de traballo e demais regalías que adoitan empregar e que son sempre mentiras dirixidas a enganar a aqueles  inxenuos que tragan con todo) e que agochan o seu descarado aliñamento co capital.

A oposición dos diferentes sectores do pobo, ecoloxistas, residentes nas zonas onde se van desenvolver os proxectos -organizados para defender o seu modo de vida-, expertos nos diferentes eidos que se van afectar (patrimonio, territorio, medioambiente…) ou non se contesta ou é atacada polos adlateres do capital e os nosos gobernantes, descualificando a uns por non ser expertos e a outros por ser expertos contaminados pola ideoloxía (de esquerdas enténdase).

“Alíñanse cos capitalistas e amparados en leis da Ditadura  declaran os proxectos como ‘estratéxicos’ para así poder espoliar a prezo de saldo o territorio e os bens dos labregos e gandeiros”

Non está demais recordar que nas mans de quen nos goberna (PP) están os mecanismos legais para aprobar ou rexeitar o espolio e a depredación de Galicia polo Capital. Non obstante, alíñanse cos capitalistas e amparados (tan demócratas eles) en leis da Ditadura (Lei de expropiación forzosa do ano 1954 e Regulamento do ano 1957) e declaran os proxectos como “estratéxicos” para así poder espoliar a prezo de saldo o territorio e os bens dos labregos e gandeiros que deberán abandonar as súas explotacións deixando o rural cada vez máis morto para beneficiar ao capitalismo depredador dos recursos.

Dende a CUT rexeitamos o espolio de Galicia e apoiamos todas as loitas que se están levando a cabo por todo o país para frear  as agresións que estamos a sufrir por parte do capital.

Estaremos en todas as loitas contra o espolio de Galicia berrando alto e forte que temos DIGNIDADE e que Galicia non se vende.

Estaremos o día 15 de decembro en Compostela para dicir alto e forte de que lado estamos.

Estaremos con outras moitas organizacións e persoas porque cremos que como dicía o poeta “Na unión dos bos galegos está da Patria o porvir”

Secretariado Político da CUT