Contra a represión e a manipulación na CRTVG

221

A CUT, sindicato maioritario na Corporación Radio Televisión de Galicia, apoiou a mobilización na xornada de folga convocada baixo o lema “Non máis abusos. Por un clima laboral saludable e respectuoso cos nosos dereitos”.

Hai anos que as traballadoras dos medios públicos galegos veñen sofrendo vulneracións dos seus dereitos máis básicos, o que sumado ás presións para manipular, os castigos ás díscolas, o desmantelamento técnico e humano e a precariedade contractual de boa parte do persoal, fan da CRTVG un polvorín cun clima laboral irrespirable.

A máis recente agresión foi o traslado de profesionais da televisión á radio ou internet e viceversa, nunha manobra de desmantelamento de equipos e de espallar o medo para aquelas traballadoras que ousen discrepar da liña editorial.

As traballadoras piden a fin dos abusos, da represión e da manipulación e o cambio dos xestores que levaron á CRTVG a esta situación.

Dende a Central Unitaria de Traballadoras cremos que é tempo dun cambio radical na dirección da CRTVG e de acabar con todos os abusos que sofren as traballadoras nas súas máis variadas formas, así como recuperar os medios públicos para informar, formar e entreter ás galegas, tal como recolle a Lei de Creación da CRTVG.

Por iso seguiremos nas mobilizacións, que tal como decidiu a asemblea de traballadoras, irán en aumento ata lograr os seus obxectivos.