Nestes días varios medios de comunicación publicaron a nova da compra de GKN Driveline por parte dunha multinacional americana. Unha información que, lonxe de ser imparcial, vén cargada de intencións. O ton catastrofista do texto non busca máis que influenciar á opinión pública e torpedear a negociación do novo convenio colectivo, utilizando o medo como ferramenta de presión sobre o persoal. Unha estratexia xa recorrente no sector da automoción, especialmente na área de influencia de Stellantis, onde asistimos a unha distorsión sistemática da realidade: a precarización laboral, social e industrial disfrazada de necesidade empresarial. Un proceso que ben poderiamos denominar “Stellantización”, como sinónimo de precarización levada ao extremo.
“Dous anos despois volve apertar ás traballadoras, esixindo unha modificación substancial das condicións de traballo e un aumento da flexibilidade en condicións aínda máis abusivas.”
Se revisamos a publicación oficial da compra na páxina do anterior propietario, o grupo Dowlai, non atopamos ningunha mención á situación crítica que agora se intenta vender. Pola contra, preséntase como unha operación estratéxica cunhas sinerxías millonarias e un valor engadido para o novo grupo resultante.
A empresa tamén fai referencia á carga de traballo dos 744 empregados, grazas a un megaproxecto de Volkswagen asignado en 2022 e con inicio de produción previsto para 2025-2026. O que omite, porén, é que esta carga de traballo non chegou de balde: requiriu cesións en dereitos laborais e unha flexibilidade laboral á carta, acordada co comité de empresa en GKN Driveline. Pero, lonxe de valorar este esforzo, dous anos despois volve apertar ás traballadoras, esixindo unha modificación substancial das condicións de traballo e un aumento da flexibilidade en condicións aínda máis abusivas. Estes datos non aparecen no artigo, nin aparecerán.
“O obxectivo é claro: precarizar, precarizar e precarizar, hipotecando o presente e o futuro da clase traballadora”.
O obxectivo é claro: precarizar, precarizar e precarizar, hipotecando o presente e o futuro da clase traballadora en beneficio exclusivo no aumento da marxe de beneficios dos accionistas. Desde a representación sindical esiximos transparencia, negociación real e respecto polos dereitos laborais. Non imos permitir que a empresa utilice o medo para impoñer as súas condicións.










