As persoas que traballamos en Emprego Social S.L. queremos transmitir a nosa fonda preocupación pola decisión unilateral por parte da empresa de despedir fulminantemente ao noso compañeiro Marcelino. Consideramos esta decisión inxusta, inxustificada e completamente contraria aos principios fundacionais da propia empresa.
Marcelino implicouse coma ninguén neste proxecto, que non naceu para responder á lóxica da acumulación de capital, mais á da integración social. O seu compromiso con Emprego Social e APEM foi máis persoal que laboral, apoiando as persoas traballadoras e ás súas familias incluso fóra da súa xornada laboral, sendo sempre a figura á que recorrer para os múltiples atrancos que nos xorden no día a día. Marcelino sempre estivo para escoitarnos e axudarnos. Un perfil de persoa dos que xa non hai, e por algo foi unha aposta persoal do noso querido Jose Luis Muruzábal, “Muru”, para un proxecto no que se querían facer as cousas de xeito diferente, coas persoas máis vulnerábeis como centro do proxecto e auténtico sinal de identidade.
Por outra banda, no caso de que a empresa quixera prescindir dos servizos de Marcelino, non nos parecen as formas empregadas o xeito de despedir a unha persoa tan querida por todas nós e que tanto se implicou neste proxecto. Pedimos á dirección de Emprego Social e APEM que reconsideren esta lamentábel decisión que a todas luces é mala para todas as que compoñemos este proxecto.
Marcelino readmisión!