Dende a CUT criticamos este martes o atraco salarial de Stellantis ao ofrecer un miserable bonus de beneficios, de algo máis de 400 euros a pesar de gañar 5.473 millóns de euros en 2024.
Lamentamos que tanto a empresa como os sindicatos pactistas e desclasados UGT, CC.OO. e SIT, tratasen de culpar aos sindicatos combativos da eliminación da paga de beneficios, cando finalmente foi a dirección da compañía a que dixo non á mesma, asegurando que, a pesar de ter un beneficio de case 5.500 millóns, non tiña un fluxo de caixa positivo. Este era un dos requisitos pactados cos sindicatos asinantes para repartir esta paga.
Nunha concentración convocada simultaneamente en Vigo, Zaragoza e Madrid, en conxunto coa CGT e STOPEL, insistimos en afirmar que este reparto é libre e discrecional, xa que é o grupo o que decide como e de que maneira o vai a realizar.
Nos anos 2019 e 2020 a compañía gañou uns 3.584 e 2.173 millóns, respectivamente, e repartiu pagas de entre 1.500 e 2.000 euros a cada persoa traballadora, mentres noutras partes do globo estas pagas chegaron a superar os 4.000€. Este ano houbo 5.500 millóns de beneficios, case o dobre que en 2019 e 2020 e agora din que como non hai fluxo de caixa libre déixannos sen a paga. Isto confirma que a supresión da paga nada ten que ver coa sentenza gañada pola CUT, que condenou a Stellantis e aos asinantes por discriminación. Estes datos o que si confirman, é que estes sindicatos, foron quen de empeorar un acordo xa de por si malo en anos anteriores.
A pesar diso, nun acto de paternalismo, o presidente do grupo Stellantis, John Elkann, anunciou o reparto de migallas entre o persoal, a través dun bonus miserable do 1,53% do salario anual. Isto representa os xa mencionadas +/- 400€ brutos.
O único positivo que nos deixa este bonus miserable, é que acata a sentenza gañada pola CUT e non discrimina as persoas enfermas. Pola contra se aumenta a discriminación cara as persoas con contrato temporal, ao endurecer moitísimo os requisitos para que o perciban.
Este bonus chega tras coñecerse hai días a decisión unilateral de Stellantis, de suspender a paga de beneficios para as persoas traballadoras de todo o estado, tras ser condenada por discriminar a persoas en situación de incapacidade temporal. Esta paga foi negociada ao mesmo tempo que o convenio colectivo e o acordo incluía unha cláusula que permitía deixalo sen efecto se algún dos puntos era tombado pola xustiza. Unha cláusula que ben a significar que, ou deixamos que a paga sexa discriminatoria e calamos ou non haberá paga.
Logo de empeorar o anterior acordo, a casta sindical asinante, coa inestimable axuda da dirección, dalgúns medios de comunicación e retorcendo a realidade ao máis puro estilo Trumpista, pretendía culpabilizar a CUT da perda desta paga.
Con todo, días despois da decisión unilateral da dirección sóubose que o grupo tivo un fluxo de caixa negativo en 2024, polo que tampouco repartiría a paga de beneficios aínda que non existise esta sentenza.