Consideracións sobre a prestación dos orzamentos 2021

116

Na reunión dos representantes de Función Pública co seu titular Valeriano Martínez, celebrada hoxe, viñéronse presentar os orzamentos da Xunta de Galicia para o 2021. Dende a CUT Ensino celebramos a non existencia de partida algunha destinada ao pagamento dos milleiros de indemnizacións ás que as distintas Consellerías e Administración Xeral da Xunta terán que facer fronte ante o abuso na contratación do persoal temporal de longa duración que nelas traballan.  

Non podemos máis que congratularnos xa que a non existencia de dita previsión só pode conducir aos nosos gobernantes a un proceso de consolidación do persoal que evite a bancarrota absoluta da administración autonómica. Porén no anuncio de ofertas de emprego público para 2021 o Sr. Feijóo soamente falou do persoal sanitario, tentando converter un dereito que se está a pelexar nos xulgados, nun agasallo de Nadal da Xunta, polos servizos durante a pandemia. Novamente os xerifaltes de San Lázaro toman aos traballadores públicos por infantes faltos de criterio e instrución en asuntos laborais básicos aos que enganar cos Reis Magos.

Eses mesmos traballadores que xa non cren nin en reis nin por suposto nas supostas OPES de estabilización da Xunta de Galicia, levan anos loitando pola súa consolidación en diversas plataformas e sindicatos e denunciando a súa situación nos xulgados cos seus recursos económicos, para que os señores da Xunta simplemente cumpran a lei.

Alén diso, permítense falar fachendosos de carreira profesional ante representantes de ensino, algo que en Educación é unha quimera, ao tempo que seguen sen dar saída orzamentaria ao pago dos veráns para o persoal substituto dende o ano 2012, incumprindo a súa propia normativa.