Condenan á CRTVG por discriminar unha traballadora por razón de sexo ao obstruírlle os dereitos de conciliación

262

O TSXG mantén o dereito á concreción de xornada que lle concedera á traballadora un xulgado de instancia pero considera ademais que a CRTVG vulnerou este dereito fundamental.

A Corporación de Radio e Televisión de Galicia vén de recibir un novo correctivo xudicial por actuar contra os dereitos fundamentais do persoal ao seu servizo. Desta volta, é o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia quen, no caso dunha traballadora que reclamara o seu dereito á concreción horaria para poder conciliar a vida laboral e familiar, considera que a CRTVG vulnerou “o seu dereito a non ser discriminada por razón de sexo do art. 14 da CE en relación co art. 39 da CE por obstrución dos seus dereitos de conciliación”.

Con este fallo, o TSXG revoca en parte a sentenza de primeira instancia dun xulgado de Compostela que, se ben lle recoñecera á traballadora a concreción horaria que esta pedira, non apreciara vulneración de dereitos fundamentais. O Superior de Galicia vai máis aló e, ademais de manter o pronunciamento de instancia sobre a elección horaria, declara que a CRTVG, que non xustificou a negativa a concederlle á traballadora a concreción horaria solicitada, vulnerou o seu dereito constitucional a non ser discriminada por razón de sexo, ao obstruirlle os dereitos de conciliación.

A sección sindical da CUT na CRTVG, sindicato ao que pertence a traballadora, que é ademais membro do comité de empresa, celebra que esta importante sentenza chegue precisamente ás portas dun novo 8 de Marzo, día da muller traballadora, e lembra que son as malas prácticas empresariais as que obstrúen o cumprimento dunha lei que recoñece claramente a existencia de dereitos asociados á maternidade que teñen un carácter e unha protección fundamentais, e non se trata dunha norma confusa como se intenta vender desde as patronais.

A CRTVG deberá aboarlle á traballadora unha indemnización de 6251 euros en concepto de danos e prexuízos.