Condena ao Concello de Vigo polos incumprimentos de prevención no servizo de bombeiros

121

O xulgado do social número 3 de Vigo ven de condenar ao Concello por incumprir de xeito continuado as obrigas legais en materia de prevención de riscos laborais no servizo de Bombeiros (SPEIS), tras unha demanda presentada pola CUT á que se adheriron tamén CIG, UXT e CASIPOL.

A xuíza conclúe que o concello non deu cumprimento real nin efectivo aos dous requirimentos da Inspección de Traballo (2023 e 2024), que esixían:

– Actualizar o Plan de Prevención, caducado dende 2010.
– Actualizar a avaliación de riscos do SPEIS, desfasada desde 2018.
– Revisar protocolos, dotacións, organización interna e presenza de recursos preventivos.
– Adaptar a estrutura organizativa e formativa aos cambios de persoal, instalacións e medios.

A resolución confirma que o SPEIS leva anos funcionando con documentación preventiva obsoleta, avaliacións de risco sen actualizar malia cambios en persoal, instalacións e equipamento e falta de planificación preventiva axeitada para un servizo esencial. A xuíza destaca que o Concello só fixo “intentos” pero non completou nin implantou nada de forma efectiva.

“Todo isto, afirma literalmente a sentenza, supón un “grave risco para os traballadores e para o interese xeral” e obriga ao cumprimento dos requerimentos de Inspección.”

Todo isto, afirma literalmente a sentenza, supón un “grave risco para os traballadores e para o interese xeral” e obriga ao cumprimento dos requerimentos de Inspección.

A falta de avaliación de riscos actualizada afecta directamente á organización de quendas, dotacións e protocolos, segundo recolle a propia Inspección.

“A sentenza cadra co segundo aniversario da morte de Sergio Sanlés, bombeiro vigués morto en acto de servizo cando caeu o inmoble que estaba inspeccionando”

A sentenza cadra co segundo aniversario da morte de Sergio Sanlés, bombeiro vigués morto en acto de servizo cando caeu o inmoble que estaba inspeccionando, nun acto fondamente criticado pola falla de efectivos nos equipos de servizo xa en 2024.

Na actualidade segue existindo ao entender o punto da CUT un punto crítico na escaseza de efectivos para o verán, xa que actualmente o servizo funciona por debaixo dos mínimos recomendados e o persoal de novo ingreso non estará operativo ata despois do verán, polo que non reforzarán as quendas na época de maior risco. Isto significa que Vigo afrontará o verán sen planificación preventiva actualizada, sen adaptación real ás condicións actuais do servizo, con maior risco para bombeiros e cidadania e unha alta probabilidade de peche do parque de bombeiros de Esturáns por falta de efectivos.