A CUT volve gañar a Stellantis nos xulgados de Vigo a raíz dunha demanda contra a discriminación que se produce ao subtraer unha parte da paga de beneficios cando unha persoa está en proceso de IT. Esta discriminación foi asinada durante a negociación do convenio pola maioría sindical de SIT, UGT e CCOO. O maxistrado resolve que, aínda que sindicatos e empresa asinen acordos, estes non poden ir en contra da lexislación vixente e polo tanto unha discriminación é unha discriminación aínda que a acepten CCOO, UGT e SIT.
“Unha vez máis ponse de manifesto que o sindicalismo maioritario en Stellantis Vigo asina acordos que van contra a lexislación e sobre todo que atentan contra os dereitos das propias persoas traballadoras.”
Unha vez máis ponse de manifesto que o sindicalismo maioritario en Stellantis Vigo asina acordos que van contra a lexislación e sobre todo que atentan contra os dereitos das propias persoas traballadoras. Só teñen en conta as “necesidades” da empresa, nunca as necesidades das persoas.
“Dende a CUT temos claro que nunca renunciaremos a defensa do colectivo. Nin sequera por un par de delegadas máis.”
A pesares de termos que loitar unha e outra vez contra todas as partes, tamén contra as que se supoñen “amigas”, dende a CUT temos claro que nunca renunciaremos a defensa do colectivo. Nin sequera por un par de delegadas máis.
Durante a celebración do xuízo, a empresa coma sempre usou as tácticas de embarrar, embarullar e ameazar coa gravidade das consecuencias de estimar a nosa demanda. Táctica que tivo o apoio outra vez de CCOO, UGT e SIT, dicíndolle ao maxistrado do xulgado número 2 de Vigo que se se anulaba ese artigo da paga de beneficios, quedaría anulada toda a paga e tamén o convenio… Dende a CUT non quedaremos paradas.
Esta sentenza pon de manifesto o que dende a CUT defendemos sempre: que este convenio contén un feixe de artigos que atentan contra os dereitos da clase traballadora. De feito a administración negouse a rexistralo en primeira instancia e solicitou á comisión negociadora a corrección dunha parte do articulado. A comisión recolleu o visto bo do SIT, UGT e CCOO e coa oposición da CUT, remitiu o mesmo texto e ao final nove meses despois de ser asinado, o convenio foi rexistrado pero por silencio administrativo.