Este venres concentráronse diante da consellería de traballo medio centenar de traballadores e traballadoras para amosar a súa solidariedade coas dúas compañeiras e compañeiro sancionados pola CRTVG.
Lembramos que o motivo destas sancións reside na entrega de documentación clave para o caso dos xuízos por despedimentos nulos e cesión ilegal de traballadores e traballadoras, desencadeados polo peche de diversas delegacións desta empresa pública, deixando na rúa a 47 compañeiros e compañeiras e ao redor de 30 traslados de persoal.
En resposta ás accións represivas emprendidas pola dirección da CRTVG, a sección sindical da CUT convocou unha concentración de apoio ás represaliadas no mesmo día no que se celebrou a citación no SMAC das partes implicadas.
Na conciliación a empresa mantivo a súa postura intolerante e prepotente respecto ás sancións, posición que non ten outro obxectivo que disciplinar e amedrentar o plantel e así frear as denuncias sobre os incumprimentos laborais verificados neste ente público.