Concentración en Stellantis – Citroën pola saúde laboral

148

O 28 de abril conmemórase o Día Internacional da Saúde do Traballo e desde a sección sindical da CUT-Citroën centramos a nosa actividade durante este mes na reivindicación da saúde laboral.

O motivo da concentración convocada foi poñer o foco nas consecuencias dos altos ritmos de traballo que levan anos danando a nosa saúde, e o incesante aumento do número de limitados/as, incluso entre as persoas de novo ingreso, sen que a empresa tome medidas. A negativa a recoñecer os accidentes e sobre todo as enfermidades profesionais, ademais dunha escasa ou nula adaptación dos postos ás persoas, evita que se melloren os postos de traballo.

Segundo os derradeiros datos oficiais publicados sobre enfermidades profesionais rexistradas con baixa, o maior número se concentra nas persoas traballadoras do sector da automoción (CNAE 29.10) fabricación de vehículos a motor. As partes do corpo lesionadas con maior frecuencia son as extremidades superiores, destacando a epicondilitis (cóbado de tenista) e a epitrocleitis (cóbado de golfista). Aínda que xa comezan a destacar outras patoloxías nos ombreiros, mans e pulsos.

Como recoñecen diversos estudos, o noso é un sector no que predominan os trastornos músculo-esqueléticos. Isto vén dado polo tipo de traballo realizado; maioritariamente manual, moi repetitivo e en ciclos moi curtos. Como dan boa fe os abusivos ritmos de traballo que temos que asumir diariamente nas cadeas.

Por todo o anterior, para nós resulta un dato demoledor que nunha empresa de 7.397 persoas traballadoras só se recoñezan 23 enfermidades profesionais. Isto implica que probablemente se están a agochar moitas enfermidades profesionais como enfermidades comúns. As respostas habituais dos médicos da mutua adoitan culparnos a nós das lesións e restarlles importancia, propiciando que acudamos a unha consulta por lesión músculo-esquelética. Ademais, o feito de que non se recoñeza unha enfermidade profesional implica que non se vai actuar sobre ese posto de traballo en concreto para evitar que se volva a producir, co conseguinte dano para as persoas traballadoras.

Por todo isto nos concentramos onte diante da portaría principal de Citröen: contra o abuso das mutuas e da patronal, pola saúde das traballadoras!