Os traballadores da TVG en San Marcos, Santiago de Compostela, concentráronse esta mañá á entrada das instalacións da televisión pública galega en sinal de protesta polo peche da única canle de información pública en valenciano, RTVV, e o despedimento de mais de mil traballadores e traballadoras desta empresa.
A manipulación sistemática e partidista da información, o nepotismo nas contratacións e a mala xestión dos recursos económicos dispoñibles foron as verdadeiras causas do peche da televisión valenciana, que vén a coutar, aínda máis, o dereito constitucional dos cidadáns daquel país a ter acceso a unha información o máis obxectiva e contrastada posible na súa propia lingua, tal e como manifestaba onte a presidenta do Comité Interempresas da TVG, Raquel Lema nas súas declaracións ao xornal dixital Praza Pública.A Central Unitaria de Traballadores/as quere amosar a súa solidariedade cos traballdores e traballadoras da televisión pública valenciana, e esixir a reapertura inmediata da TVV en condicións que fagan viable a súa continuidade a longo prazo e que garantan o dereito constitucional á información e pluralidade informativa.