A Central Unitaria de Traballadores e Traballadoras (CUT) convocou esta mañá fronte a Asociación de Empresarios de Mos, unha concentración en repulsa e resposta á situación de abusos sistemáticos que se están a vivir por parte Grupo COPO, e contra a represión sindical cara ás delegadas da CUT.
O pasado 21 de abril realizábase nas instalacións de Copo Ibérica unha asemblea de traballadoras que decidiu non respaldar o ERTE presentado pola empresa coa aceptación da minoría do comité (CIG). As traballadoras, co seu voto, decidiron que non todo vale e que a proposta da empresa do 80% do salario mensual, facendo distincións, e o 100% das pagas e das vacacións non era suficiente para xustificar un ERTE claramente discriminatorio e abusivo que só asumen as traballadoras. Á empresa non lle serviu mobilizar os seus mandos para acudir a votar.
Ao día seguinte de comunicarlle a empresa o resultado da asemblea de traballadoras, vimos como novamente sacaban as súas poutas para tentar silenciarnos, expedientando novamente a un delegado da CUT.
Onte foi a primeira concentración, mais non imos quedar inmóbiles mentres o capital tenta unha vez máis afundir a clase traballadora e reprimir a loita sindical. Gustavo Gainzarain non está só.
A loita que se perde é a que non se fai!