CONCENTRACIÓN ANTE O PARLAMENTO: NON Á FP A DISTANCIA

96

Na próxima semana levarase ao Parlamento en forma de pregunta a cuestión da transformación da Formación Profesional e a implantación forzosa de módulos a distancia sen consenso da comunidade educativa e contra toda lóxica pedagóxica.

Mobilizacións nos centros de Formación Profesional de profesorado e alumnado e comunicados de claustros viñeron a evidenciar o absoluto rexeitamento ao desmantelamento do sistema presencial. Non deixamos de recibir queixas de centros e profesorado reclamando actuar antes estes cambios: Ponteareas, Ferrolterra, Redondela, Vigo, Compostela, A Coruña,………. son múltiples as voces alzadas no país contra este ataque ao ensino público. No día de hoxe tamén o alumnado de centros da área de Vigo vén de demandar ao sindicato unha mobilización de protesta.

Por todo o exposto, por responsabilidade e pola defensa do público como insignia dun ensino de calidade e con oportunidades para todas, convocamos unha CONCENTRACIÓN DIANTE DO PARLAMENTO DE GALIZA O MÉRCORES 28 ÁS 9.45H. Convidamos ao resto de organizacións sindicais a participar da mesma polo ben de todas.

Imos recibir aos a Rueda e ao conselleiro de Educación como se merecen: megáfono en man e ao grito de privatizadores, porque non esquezamos que a FP privada si pode manter a presencialidade que negan ao público: cuestión de recursos e por tanto de recortes intencionados na FP da que logo alardean nas probas Skills galegas e mesmo estatais (destrezas prácticas adquiridas). Deixamos aquí dous comunicados que evidencian o que está a pasar nos centros:

COMUNICADO DO CLAUSTRO DO CIFP A XUNQUEIRA

COMUNICADO DA ASOCIACIÓN DE PROFESORADO DE ENSINO AGRARIO DE GALIZA

A Consellería vén de anunciar en prensa e redes a ampliación da oferta da FP, ocultando a o cambio á modalidade a distancia, negando a propia esencia práctica deste tipo de ensinanzas. Quen queira presencialidade que pague un centro privado, esa é a mensaxe final deste roubo ao sistema público, detraendo a calidade para fomentar outras iniciativas.

A Comisión Permanente do Consello Escolar do Estado recoñece, de forma inequívoca, que a formación non presencial conleva risco de exclusión e vulneración de dereitos fundamentais como consecuencia da fenda dixital para un sector importante do alumnado de FP, especialmente para aquel que non ten acceso á modalidade presencial ordinaria.

Non nos queda máis que plantarnos ante o Parlamento sen perder de vista que a uns meses das eleccións autonómicas, estamos fartas de que os caciques de sempre tomen medidas dende arriba, sen contar cos equipos educativos, o alumnado e por suposto por intereses espúreos.

NON Á PRIVATIZACIÓN DA FP

VÉMONOS O MÉRCORES E QUE RETUMBE O PARLAMENTO DE GALIZA 

Achegas: cutensino@cutgaliza.org