Declaran vulnerado o dereito á igualdade e non discriminación dun traballador en fraude pola denegación do premio de xubilación reservado ao persoal fixo polo Convenio, con condena ao abono dunha indemnización por danos e prexuízos.
O Xulgado do Social nº 3 de Santiago de Compostela vén de ditar unha sentenza pola que considera que a denegación do premio de xubilación a un traballador interino, de case 15.000 € pola soa razón de non ser persoal laboral fixo, atenta contra o artigo 14 CE, poñendo en cuestión o propio texto do Convenio Regulador do municipio.
A Sección Sindical da CUT que desenvolve no Concello unha actividade permanente de apoio, proposición e esixencia de mellora das condicións de traballo de todo o conxunto do cadro de persoal nos órganos de representación, leva dende a súa incorporación defendendo a existencia da equiparación de dereitos do persoal falsamente “temporal” ao que se lle denega a aplicación dos mesmos que ao resto do persoal, nunha actuación intolerábel por parte dunha Administración Local.
Neste sentido, a propia sentenza, recorda con cita da doutrina do Tribunal Constitucional que “non resulta compatible co artigo 14 CE un tratamento -xa sexa xeral ou específico en relación con ámbitos concretos das condicións de traballo- que “configure aos traballadores temporais como colectivo nunha posición de segunda orde […] Noutras palabras, a modalidade da adscrición temporal ou fixa á empresa non pode, por si mesma, xustificar o distinto tratamento deses dous grupos de traballadores, xa que o seu impacto ou resultado destrúe a proporcionalidade derivada da duración dos respectivos contratos, e faría de peor condición artificiosamente a quen xa o son pola temporalidade do seu emprego”.
A sentenza, en resposta á demanda presentada pola CUT pola vía da tutela de dereitos fundamentais malia ter carácter individual, confirma o permanente chamado da CUT sobre a necesidade de que as traballadoras do Concello compostelán reaccionen ante a denegación inxustificada dos seus dereitos, especialmente tendo en conta que a discriminación entre fixos e temporais en asuntos como o premio de xubilación resulta discriminatoria.
Dende a CUT animamos a todas as persoas a loitar polos seus dereitos, como fixo o compañeiro que, onda o recoñecemento do premio de xubilación deberá percibir unha contía adicional polo resarcimento dos danos morais causados.
Outras propostas do sindicato no Concello
A Sección Sindical da CUT no Concello pon de manifesto que “a propia sentenza avala batallas que a CUT tivo que dar para que nas novas normas municipais o tratamento resultase igualitario, como nas axudas sociais, onde se seguía discriminando ao persoal temporal”.
Dende a Sección Sindical anuncian que seguirán reclamando dereitos iguais para todo o cadro de persoal, “xa que é un obxectivo xusto; seguiremos dando a batalla para que o Convenio deixe de manter a discriminación das traballadoras que xa son precarias pola temporalidade dos seus contratos”.