Con Cuba sempre

644

Se a Revolución Cubana, e nomeadamente o seu líder o Comandante Fidel Castro, foi durante seis décadas motivo de noticia mundial, hoxe Cuba é portada de noticieiros -os máis deles perversos- pola ameaza real e inminente dunha posible agresión militar ianqui ao territorio cubano. 

Como non podería ser doutro xeito, tamén estes días a información sobre a posible agresión criminal imperialista a Cuba é elaborada con saña e sempre agochando aqueles factores e variables que foron quen de estrangular economicamente ao país caribeño; información fabricada polos medios que durante sesenta e cinco anos amañaron e manipularon as noticias sobre a Cuba Revolucionaria. 

Debemos facer un esforzo para que a enxurrada mediática non nos atrape. Debemos de razoar o que acontece en Cuba coas nosas ferramentas e método dialéctico, nunca coas do inimigo. A solidariedade activa co pobo cubano ten que ser humanista, si. A denuncia da agresión por razóns que atentan ao Dereito Internacional, tamén. Pero hai unha razón superior, un motivo principal que non é outro que o ideolóxico: Socialismo ou barbarie, e en cubano “Socialismo ou morte”. 

“O que hoxe colga sobre Cuba é a culminación de máis de seis décadas de acoso, de boicot ilegal e de bloqueo criminal.”

Porque o que hoxe colga sobre Cuba é a culminación de máis de seis décadas de acoso, de boicot ilegal e de bloqueo criminal. Non é só a elucubración xenocida do tolo que habita na Casa Branca. Os milleiros de medidas adoptadas pola Administración ianqui contra Cuba foron executadas por todos e cada un dos Presidentes de EUA, desde JF.Kennedy (1960) a D.Trump co inestimable apoio dos lacaios da Unión Europea. 

A obsesión do imperialismo por derrubar a Revolución Cubana obviamente non é pola suposta falta de democracia nin tampouco o é polo suposto fracaso económico. Todo o contrario; os ideólogos do capital saben o que supón Cuba como exemplo real para os pobos do mundo, non só para Latino América. O imperialismo nunca puido nin pode soportar o exemplo do Mundo Novo a 60 millas da Florida. 

 

Do 26 de Xullo ao desembarco do Granma

No ano 1952, nun contexto de axitación social e de posible vitoria electoral do Partido Ortodoxo, Fulgencio Batista encabeza un golpe de estado contra o Presidente constitucional da República de Cuba, Carlos Prío. Á suspensión da Constitución seguiulle unha forte represión contra as organizacións obreiras e populares. Esta nova situación fai que amplos sectores das xuventudes do Partido Ortodoxo se organicen na clandestinidade e comecen a pensar na insurrección armada contra o dictador Batista. 

Un ano máis tarde, o 26 de xullo de 1953, un grupo de máis dun cento de combatentes liderados por Fidel Castro Ruz, asaltan o Cuartel Moncada en Santiago de Cuba e o Cuartel Carlos M. de Céspedes en Bayamo. A tentativa fracasa militarmente, case todos os participantes que caeron presos son asasinados e un grupo menor son condenados a prisión. 

A acción do 26 de xullo fracasou no seu obxectivo militar pero foi un triunfo político definitivo. O alegato de Fidel Castro durante o xuízo coñecido como “A Historia absolverame” cobra gran popularidade, ao igual que a campaña popular pola amnistía, que fai que despois de vinte meses de cadea os presos entre os cales estaban Fidel e Raúl sexan liberados. O 26 de xullo ven significar a primeira pedra do que será a Revolución Cubana. 

A liberdade do grupo asaltante do Moncada xera un ambiente pre-revolucionario e nese marco constitúese a organización político militar que levará a partir de agora o nome de “Movemento 26 de Xullo” (M-26J) liderado por Fidel Castro. Esta nova e xa consolidada organización vai trazar uns obxectivos estratéxicos destinados a acabar coa tiranía de Batista pola vía da loita armada. 

Cabería aquí significar que tanto no grupo de revolucionarios asaltantes ó Cuartel Moncada como no grupo máis tarde de expedicionarios do Granma, foron procesos participados por un feixe importante de galegos e galegas de orixe ou emigrados ademais de Fidel e Raúl. Abel Santamaría, Frank Pais, Xulio Trigo, Haydée Santamaría, Efigenio Ameijeiras na súa maioría mártires da Revolución. 

É así como un grupo importante de combatentes do M-26J se traslada ao exilio mexicano para preparar a insurrección. O 2 de decembro de 1956 o iate “Granma” con oitenta e dous expedicionarios encaia no mangle da praia das Coloradas no oriente cubano. A maioría son asasinados ou dispersados; só un grupo pequeno de sete combatentes logra reagruparse e penetrar na Serra Maestra. 

De Sierra Maestra até A Habana

Só dous anos despois do desembarco en Cuba dos expedicionarios do M-26J, o 1 de xaneiro de 1959 as columnas do Exército Rebelde con Fidel á fronte entran na cidade da Habana sendo aclamadas polo pobo vitorioso. Atrás quedaron acontecementos da guerra, de sufrimento e de audacia revolucionaria. 

En palabras de Fidel Castro, comeza agora a tarefa máis difícil. Comeza o proceso de construción dunha nova sociedade e dun home (e unha muller) novos (Ernesto Guevara). Comeza a camiñar un modelo social novo rachando coas vellas estruturas de dominación capitalista no ideolóxico e no económico. 

A expropiación ás transnacionais donas das infraestruturas na illa, a Reforma Agraria e a Campaña de Alfabetización foron os tres piares fundamentais da actividade desenvolvida nos dous primeiros anos da Revolución. Pero non só iso, desde que comeza a andar o Goberno Revolucionario, Cuba desenvolve unha intensa campaña de solidariedade internacionalista. 

Do Escambray a Playa Girón

Desde o minuto un da toma do poder do novo Goberno Revolucionario, comeza a campaña de acoso auspiciada polo imperialismo ianqui. Como agora, a campaña de hostilidades de todo tipo foi acompañada por unha forte campaña de intoxicación informativa destinada á poboación cubana pero tamén á opinión pública internacional. 

Semanas despois do 1 de xaneiro do 59 prodúcese un levantamento de grupos contrarrevolucionarios conformados fundamentalmente por policías de Batista e sicarios de terratenentes afectados pola Reforma Agraria. Moi pronto se descubre a gadoupa da CIA abanando o berce dos alzados. O grupo máis importante desenvolveu a súa actividade na Serra do Escambray, obrigando ao Goberno a acordar a Campaña contra Bandidos para aniquilar a actividade contra a Revolución. 

A actividade das bandas do Escambray consistiron case exclusivamente no asasinato de dirixentes campesiños, de militantes revolucionarios e atentados a proxectos promovidos polo novo Goberno, como escolas ou cooperativas. Na medida que os golpes foron debilitando aos autochamados alzados, a actividade foi desaparecendo paulatinamente, sendo liquidados os últimos grupos en 1962. 

No mes de abril de 1961, ten lugar o desembarco de Praia Girón ou Bahía de Cochinos auspiciado pola CIA. Mil cinco centos homes –maioritariamente exiliados cubanos- entrenados e armados por EEUU, desembarcan por mar e por ar na península de Zapata. O desembarco foi precedido polo bombardeo aéreo de distintos puntos. En setenta e dúas horas o intento reaccionario foi aniquilado. 

A Crise de Outubro

No mes de outubro do ano seguinte ten lugar un acontecemento que se convertería en noticia mundial, a chamada Crise dos Mísiles. A instalación por parte da URSS de mísiles en territorio cubano xerou un momento de tensión nuclear que acabou sendo resolto cunha negociación fronte a fronte do Presidente Kennedy e Nikita Khrushchev. 

Este feito audaz da Revolución Cubana fixo brillar a figura de Fidel Castro como estadista así como o prestixio da Revolución, capaz de enfrontar o monstro representado no imperialismo ianqui. A carta de despedida do Comandante Ernesto Guevara é ben elocuente facendo crónica do papel de Fidel nese momento histórico. 

Acabamos de sinalar os feitos máis destacables que tiveron lugar no inicio da andadura do Goberno de Cuba. Pero até hoxe cóntanse por milleiros as iniciativas levadas ao cabo polo imperialismo contra Cuba. Actos de terrorismo, sabotaxes, guerra bacteriolóxica, epidemias provocadas, asasinatos foi a característica condutiva dos xenocidas ianquis nos últimos sesenta e seis anos. 

A construción do socialismo cubano

O 16 de abril de 1961 desde a esquina das rúas 23 e 12 do barrio de Vedado na Habana e durante a homenaxe aos mortos nos bombardeos ianquis previos a Bahía de Cochinos, Fidel Castro declara o carácter socialista da Revolución Cubana. Vexamos o estrato do discurso pronunciado nese acto: 

“Todas as leis que se fixeron nos primeiros anos da Revolución, eran as leis e as medidas proclamadas en esencia no Moncada, e xa o Moncada contiña o xerme, creaba as condicións no seu programa para unha revolución socialista. E no noso país non podía existir naqueles instantes ningunha outra revolución que non fora unha revolución socialista, ou ningún de nós habería sido verdadeiramente revolucionario”. 

A partir daí a Revolución emprende un camiño de construír unha sociedade socialista usando as ferramentas que nos da o marxismo-leninismo pero cun contido profundamente martiano. Efectivamente tamén no sentido simbólico José Martí, pai da patria e da cubanía pasa a presidir o ceo da Revolución ó par de Marx e de Lenin. 

O andar non foi un camiño de rosas. Como se ten dito desde o minuto un do proceso revolucionario o boicot e a sabotaxe aberta foi a práctica cotiá planificada desde a CIA pasando pola “gusanera” de Miami. Nesa cidade da Florida foi a cova que gardou a contra Revolución e o exilio dos esbirros de Batista. 

O proceso de traslación tecnolóxica -até o 1959, netamente americano- ás manufacturas e aparataxe procedente do campo socialista europeo, non foi fácil e moitas veces traumático, pero a Revolución Cubana foi obrigada a elo. A maquinaria industrial, o parque móbil e o subministro e a xeración enerxética pasan a depender case no cento por cento da URSS e dos membros do COMECON. 

Construír o socialismo nesas condicións de bloqueo ianqui tornouse nunha tarefa heroica. Desde a entrada dos “barbudos” na Habana o 1 de xaneiro de 1959, Cuba enfrontou miles de atentados a súa economía: sabotaxes ás plantacións de cana e tabaqueiras, atentados e sabotaxes a centros fabriles, cerco financieiro, boicot dos gobernos latinoamericanos a través da OEA, etc. 

A solidariedade internacionalista

Ao tempo que Cuba foi construíndo os piares dunha nova sociedade para os cubanos e cubanas, foi desenvolvendo unha práctica de solidariedade internacionalista sen precedentes, solidariedade que chega aos nosos días a pesares da situación económica crítica. 

Desde 1960 o Goberno Revolucionario apoiou coa presenza militar física e loxística en moitos procesos de liberación africanos: Alxeria, Etiopía, Angola, Guinea Bisau ou Mozambique. Milleiros de milicianos internacionalistas cubanos apoiaron e foron soporte destes procesos en África. 

Neste ámbito hai que destacar a decisiva participación de Cuba na guerra de Angola (1975-1991) para enfrontar o intento de invasión por parte da Sudáfrica do apartheid. A vitoria das tropas cubano-angolanas en Cuito Canavale fronte ao exercito surafricano non só asegurou a independencia de Angola, pois determinou a independencia de Namibia e rematou co réxime racista en Cimbabue. 

O internacionalismo cubano abarcou todos os campos imaxinables; a cultura, o deporte…, pero o que máis destacou foi a cooperación médica en todo o Terceiro Mundo, América Latina e sobre todo en África. Foron milleiros de homes e mulleres que conformaron os continxentes médicos que foron quen de atender a milleiros de persoas nas latitudes máis difíciles de imaxinar. 

Cando o desastre da central nuclear de Chernobyl (Ucraína), Cuba ofreceuse desde o mesmo día da explosión a atender medicamente aos nenos e nenas afectados. Na localidade de Tarará, próxima á Habana, desde 1990 ao ano 2011 foron atendidos 26000 meniños e meniñas. Ninguén na historia fixo tanto pola Humanidade. 

A caída da URSS e o Período Especial. 

En 1991 colapsa a Unión Soviética e disólvese o COMECON. Todos acordos de intercambio e cooperación establecidos quedan suspendidos. Os efectos son inmediatos. O cru recibido desde Rusia diminúe nun 80%, e outros rublos como fertilizantes, autos, aceiro ou maquinaria seguen o mesmo camiño. 

A dirección da Revolución con Fidel á cabeza afrontan unha tarefa pedagóxica colosal para explicar o que se viña enriba e para establecer as medidas inherentes ao que se vai chamar Período Especial. A economía leva un golpe que fai que retroceda case á metade o PIB en tres anos (1990-1993). Establécense liñamentos que regularán actividades como o turismo e as empresas mixtas para contrarrestar o derrubamento. 

Neste Período Especial (1990-1995) o imperialismo incrementa as medidas de bloqueo sendo sabedores da situación económica cubana. Prodúcense intentos de provocar levantamentos populares co talonario da CIA, detéctanse infiltracións, inventan ferramentas a través das redes sociais para alienar á xuventude. Aínda así os intentos do imperialismo fracasan. 

O carácter xenocida do bloqueo a Cuba

Temos analizado as múltiples medidas de boicot, sabotaxe e de bloqueo durante máis de sesenta e cinco anos. Atentados terroristas, centos de intentos de magnicidio, a utilización de pestes de laboratorio e enfermidades, medidas de sabotaxe financeiro, a utilización de mercenarios, a utilización da propaganda –Radio Martí- antes da chegada do universo dixital. 

As máis de dúas mil medidas, algunhas delas con carácter de lei – Lei Helms-Burton ou a Lei de Ajuste Cubano- non foron capaces de derrubar a Revolución Cubana. O delirio imperialista non podía quedarse quieto. É entón que os xestores criminais imperiais deciden acabar coa resistencia pola vía da fame. 

O que acabamos de dicir non é unha bravata nin un exceso discursivo. A prohibición imposta a Venezuela e México de vender petróleo a Cuba vai nesa dirección. Queren estrangular a economía aos niveis máis básicos. Sen petróleo non hai electricidade, nin mobilidade, nin alimentos e tampouco hospitais. Queren a rendición do pobo de Cuba pola vía da fame. 

Cuba, un facheiro de dignidade para a Historia da Humanidade

A Revolución Cubana foi, é e será a pesar do empeño imperial unha referencia para os pobos do Mundo. Cuba seguirá sendo a referencia imprescindible para aqueles e aquelas que aspiramos a un Mundo sen explotadores nin explotados. Cuba é e seguirá sendo a expresión máis fermosa do amor á Humanidade. 

As palabras ao igual que os discursos teóricos pode levalas o vento. As conviccións ideolóxicas deixan de selo cando se licúan co exercicio perverso da política. A Revolución Cubana foi capaz de conxugar a teoría revolucionaria coa práctica revolucionaria, foi capaz de facer un proceso desde o pobo para o pobo sen perder xamais a dignidade. 

Nestes momentos, moitas organizacións que din defender a revolución cubana fano dende o fetiche ou de xeito que non se pillen os dedos en función dos acontecementos que estean por vir. Utilízase un discurso de apoio peneirado con frases feitas como “lexitimidade e soberanía dos pobos”, “respecto ao dereito internacional”… e outros tantos, pero deixamos de escoitar que defenden a revolución cubana e o socialismo. A realidade é que pode máis o peso dos intereses electorais de cada quen, e neses cálculos pérdese (ou sacrifícase) a posición ideolóxica. 

Aqueles e aquelas de nós que consideramos exemplo vital e ideolóxico á revolución cubana, non podemos xogar á equidistancia porque, agora máis que nunca, estamos na clara dicotomía entre socialismo ou barbarie, patria ou morte. Non se pode estar coa revolución cubana e dicir que se poden normalizar as relacións cos Estados Unidos, non se pode estar coa Revolución Cubana e xustificar as posicións putrefactas da UE, non se pode dicir que estamos coa revolución cubana coa coletilla de “aínda que debemos recoñecer que as cousas están mal na illa”. 

“Dende a CUT afirmamos que, coma sempre, estamos coa revolución cubana en toda a súa plenitude e sen matiz algún.”

Hai momentos na historia que obrigan a estar nun lado ou no seu contrario, sen posibilidade algunha de terceiras vías. Quen defenda agora esa posibilidade dunha terceira vía está a facerlle o xogo ao inimigo. Dende a CUT afirmamos que, coma sempre, estamos coa revolución cubana en toda a súa plenitude e sen matiz algún. E facémolo porque hoxe é máis necesario que nunca, porque o seu facho é agora o único que alumea á clase traballadora mundial, aos pobres do mundo, ás persoas esquecidas e maltratadas polo capital. O imperialismo capitalista é consciente de que Cuba é o último bastión que nos queda a aqueles e aquelas que cremos nun mundo novo e xusto, o resto xa está nas súas mans. 

O pobo cubano somos todos e todas, agora máis que nunca. Ou con eles ou contra deles. 

Secretariado Político da CUT