O sindicato maioritario no ensino galego convocou unha nova folga no ensino para os próximos días 28 e 29 de outubro. A CUT decidiu en asemblea aberta a todas as afiliadas apoiar a folga como resposta a unha situación que vimos cualificando de insostíbel tanto polas condicións laborais do profesorado coma polo tempo que xa levamos soportando estas condicións.
Queremos tamén recoñecer e agradecer ao profesorado de Euskadi e Asturias que, coa súa mobilización e constancia nas últimas folgas, abriron o camiño a melloras laborais que repercutirán en todo o Estado, como xa se anunciou polo Goberno español, demostrando que a loita organizada dá resultados e marca o rumbo das negociacións actuais.
Do mesmo xeito, a asemblea da CUT tamén decidiu mostrar o seu rexeitamento á forma na que unha vez máis se vai concretar a folga: sen consenso entre os sindicatos críticos coa consellaría, sen consultar nin informar previamente ao profesorado, sen planificación, con elección de datas irrelevantes no calendario escolar e cunha chamada á Consellaría para negociar unha serie de medidas que consideramos moi insuficientes.
Compartimos, polo tanto, a reivindicación como ferramenta válida e imprescindible para que o ensino mellore e a sociedade avance, pero lamentamos as formas escollidas e as condicións nas que se quere desenvolver a folga.
Animamos o colectivo docente a manterse firme na loita polos seus dereitos e a alzar á voz para cambiar a política educativa e pedimos tamén aos sindicatos unha actitude aberta e dialogante que outorgue o verdadeiro papel protagonista ao profesorado. Como se ve, a CUT, sen renunciar a expresar o seu propio criterio, está disposta a contribuír a accións de defensa do ensino sen ter en conta de onde veñan nin quen as anuncie nin publicite.
Por outra banda, en relación aos puntos que deberían ser sometidos a negociación coa Consellaría, a CUT propón, entre outros, os seguintes:
- Redución de rateos en todas as etapas educativas, nomeadamente en primaria (máximo 15) e secundaria (máximo 20).
- Horario lectivo de 21 horas en infantil e primaria e 18 horas no resto sen posibilidade de incremento excepcional.
- Recuperación salarial.
- Redución de trámites e tarefas burocráticas.
- Cobro do verán para o persoal substituto atendendo ao establecido no acordo de interinas.
- Cobro do salario para o persoal substituto xa no mesmo mes no que se inicia a substitución.
- Protección absoluta do ensino no rural como servizo público esencial sen máis reducións ou peches de centros e recuperación das unidades pechadas nos últimos anos.
- Límite nas materias afíns que están a precarizar o ensino.
- Reforzo da atención á diversidade: máis recursos para materiais (mobiliario e medios tecnolóxicos adaptados, recursos didácticos etc.) e incremento de PT e coidadores para atender todas as necesidades que haxa.
- Maior dotación de persoal para os departamentos de orientación en proporción ao alumnado de cada centro.
- Mellora da situación de mobilidade xeográfica do profesorado para facilitar a conciliación independentemente da situación administrativa.
- Restrición das peticións de destino por provincias, comarcas e localidades.
- Ligar a posta en marcha dos diferentes plans nos centros (convivencia, fomento da lectura, prevención do acoso…) a unha dotación económica axeitada e a unha descarga horaria para o profesorado implicado.
- Establecer unha carreira profesional xusta con remuneración específica e descarga horaria axeitada da función titorial e dos cargos de responsabilidade.
- Emendar a deriva da FP cara á redución da presencialidade e da primacía de criterios exclusivamente económicos.
- Corrixir o aumento de módulos para a mesma carga horaria que se está a introducir en FP.
- Supresión do sistema de certificación de calidade dos CIFP.
- Remodelar o sistema de oposicións: criterios de transparencia na corrección de probas, aplicación efectiva da fase de concurso, maior anticipación nos prazos nos que se comunican as convocatorias, a tipoloxía das probas que conformarán o concurso e o tempo dispoñible para a realización das mesmas.
- Estabilidade real do persoal temporal para poñer fin á precariedade que de xeito indefinido está a sufrir este colectivo.
- Revisión do actual sistema de adxudicacións.
CUT Ensino












