Comunicado manifestación 28S USDG-CUT: “Paremos a fraude nas administracións públicas”

149
A CUT chama a toda a súa afiliación a participar este vindeiro sábado 28 de setembro na manifestación que terá en lugar en Compostela ás 12 horas contra a fraude nas administracións públicas. Reproducimos o comunicado da Unión Sindical de Docentes de Galicia que explica os motivos da protesta e enumera as reivindicacións. Non faltes, porque defender os servizos públicos e o dereito a traballar con dignidade e sen precariedade (tamén no sector público) é cousa de todas.

“Diversos colectivos e organizacións sindicais do sector público galego (APMAEGAL, CGT, CNT, CUT, USDG, Temporais do Consorcio, ASATE, COBAS, AGIX, ASOCIATEM) manifestaranse este sábado 28 de setembro. A saída da manifestación está prevista para as 12:00 desde a entrada do Parque da Alameda.

O obxectivo da manifestación é denunciar “os falsos procesos de estabilización do emprego público que os distintos gobernos xa puxeron ou porán en marcha co aval cómplice de CCOO, UGT e CSIF”, tal e como declaran os colectivos convocantes.

Estas organizacións expresan que “o goberno non busca estabilizar ás persoas, senón ás prazas”, prazas que, denuncian: “son ocupadas dende hai anos por empregadas/os públicos temporais en fraude de lei”. Argumentan que deste xeito “facilitarase o cese e despedimento masivo de máis de 700.000 empregadas/os públicos, cunha media de idade de 45 anos e na súa maior parte mulleres, que engrosarán as listas do desemprego”.

Segundo denuncian estes colectivos conformados por persoal do sector público “a perpetuación do traballo temporal na Administración Pública española incumpre as razóns expresamente xustificadas de necesidade e urxencia ás que deben responder os contratos temporais e dá lugar á cobertura de prazas estruturais polo persoal temporal, do que a Administración pode prescindir facilmente”.

Entre as súas esixencias encóntrase:

  1. A PARALIZACIÓN INMEDIATA dos falsos procesos de estabilización, sen prexuízo da continuidade da oferta de prazas ordinarias para cubrir as baixas de efectivos.
  2. SUSPENSIÓN e anulación de todo cese e despedimento ilegal.
  3. CONSOLIDACIÓN mediante regularización administrativa, de todo o persoal público en fraude e abuso de temporalidade.
  4. IGUALDADE de trato e condicións de traballo entre persoal temporal e fixo da Administración.
  5. REVERSIÓN das privatizacións.
  6. RECUPERACIÓN de vacantes e prazas amortizadas sacando a oferta de emprego público as prazas necesarias para acabar cos cadros de persoal deficitarios.”