O colectivo de Mestres de Lingua Estranxeira Francés estamos nun momento de máxima preocupación trala publicación do Anteproxecto de Decreto polo que se establece a ordenación e o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia.
As nosas inquedanzas nacen pola eliminación das horas de libre configuración en 4º e, sobre todo, 6º de primaria posto que son as horas que empregamos para impartir a segunda lingua estranxeira nos centros escolares galegos.
No Real Decreto 157/2022, do 1 de marzo, polo que se establece a ordenación e as ensinanzas mínimas da Educación Primaria, no artigo 8 punto 3 di que “As administracións educativas poderán engadir unha segunda lingua estranxeira, outra lingua cooficial e/ou unha área de carácter transversal.” Polo tanto cada CCAA ten carta branca para desenvolver unha segunda lingua estranxeira no seu currículo, pero no anteproxecto do novo decreto non vemos intención algunha de que isto se teña en conta.
Somos coñecedores/as, que na reunión do pasado venres coa Xefatura Territorial, ante a pregunta sobre o que vai pasar co francés que se está dando como segunda lingua en moitos centros de Galicia, respondeuse que na hora de “Proxecto Competencial” cada centro poderá levar a cabo a materia que desexe e elaborando así, o seu propio currículo e poderase dar dende 1º a 6º de EP.
Dita noticia fainos moi felices, sobre todo, porque hai moitos centros que están dando francés en 6º de EP e estaban vendo que as posibilidades de seguir impartíndoa eran difíciles ou case imposibles. Non é xusto que unha materia que está gustando ao alumnado e por riba serve de ponte para o paso á Secundaria, teña que deixarse de impartir porque o noso decreto non contempla esa opción.
Gustaríanos, que por primeira vez, no novo decreto aparecese mencionada a segunda lingua estranxeira, que se faga xustiza cos centros nos que se está impartindo, cos mestres de francés e sobre todo co alumnado e as súas familias. Os mestres de primaria francés, merecemos ter cabida tamén no noso decreto, sen ter que guiarnos sempre polo Estatal, porque na nosa comunidade non se acordan de nós.
A maiores, tamén nos gustaría pedir, que na solicitude de admisión e a matrícula da páxina web da Xunta, aparecese a opción de poder escoller como primeira lingua entre inglés e francés, así como se pode escoller entre relixión católica e evanxélica, por exemplo. Dar dereito a escoller debería ser primordial na educación pública.