Comunicado da Executiva Nacional da CUT

102

Ante a crecente campaña de intoxicación informativa promovida polo Ministerio de Interior español, a Executiva Nacional da Central Unitaria de Traballadores/as manifesta o seguinte:1 A CUT é unha organización sindical que ten como finalidade a defensa dos intereses de clase e nacionais de todos os traballadores e traballadoras de Galicia. Así mesmo, a CUT defínese como un sindicato antipatriarcal, asembleario, anticapitalista e internacionalista.2 A participación da CUT como promotora, tanto na preparación das mobilizacións que deron lugar ás Marchas da Dignidade, como o propio 22 de marzo pasado en Madrid, foron un exemplo de esforzo militante altruísta e pacífico.3 A manifestación do pasado 22 de marzo en Madrid foi, así mesmo, unha demostración de mobilización popular, masiva, unitaria e pacífica da clase obreira do estado español. Os incidentes que tiveron lugar contra o final da xornada, son responsabilidade exclusiva da policía e do Ministerio do Interior. O PP precisaba imaxes á hora do telexornal, que non fosen as dunha manifestación colosal como a que tivo lugar o sábado pasado.4 O estado español, con esta campaña de intoxicación informativa, pretende converter un acto lexítimo de protesta cívica ante as súas políticas antiobreiras nunha delirante batalla campal que nunca tivo lugar. Ante o fracaso desta estratexia pola súa total falta de credibilidade, o Ministerio de Interior pasa ao Plan B, que consiste na criminalización e a búsqueda dun chivo expiatorio, convertendo a CUT nunha especie de organización guerrilleira responsable dos incidentes de Madrid.5 Esta campaña de criminalización da CUT que veñen desenvolvendo desde os sumidoiros do Ministerio do Interior e os seus voceiros informativos, ademais de carecer de obxecto, constitúe un delito de difamación ante o cal a CUT se reserva a posibilidade de emprender as accións legais pertinentes perante os Xulgados.

En Santiago de Compostela, o 27 de marzo de 2014.