En relación coas novas dos últimos días que apuntan á existencia dun acordo entre PSOE, Podemos, ERC e PNV para modificar, vía emendas, a Lei de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, a Central Unitaria de Traballadoras considera que:
- Recoñecer, por fin, que o concurso de méritos é o sistema legal de provisión de prazas que debe aplicarse para curar a ferida da fraude no sector público é un importantísimo cambio de actitude política que valoramos e aplaudimos. O concurso de méritos extraordinario foi a proposta que, referendada por máis de 10.000 galegas e galegos este sindicato levara ao Parlamento Galego a través dunha ILP para a consolidación no emprego público; que malia ser desbotada con soberbia polo partido de Feijóo, está dando os seus primeiros resultados prácticos.
- Cómpre recordar que este instrumento gozou coa vociferante oposición do sindicalismo amarelo representado por CCOO, UGT e CSIF, e incluso forzas sindicais nacionais ou gremiais que se mantiveron de costas aos intereses do persoal temporal durante todos estes anos no noso país. Constitúe sen dúbida unha auténtica vitoria que só se lle pode atribuír aos esforzos das traballadores e traballadoras onda ao sindicalismo alternativo da Galiza e do estado, demostrando que a intelixencia organizativa, a contundencia, a persistencia na mobilización e a unidade de acción poden producir movementos impensábeis tamén no terreo lexislativo. O concurso de méritos é un produto da rabia expresada nas rúas de maneira activa.
- Esta mudanza de posición lexislativa malia constituír unha auténtica conquista das rúas é un xiro tímido e insuficiente ou un mero punto de partida. A consciencia desta conquista dá conta de que temos na nosa man a posibilidade de obrigar ao Goberno a darlle unha solución completa e definitiva ao problema da temporalidade. Debemos manter activa a unidade sindical e a mobilización ao redor das seguintes esixencias para condicionar ao lexislativo no resultado final da reforma.
- Limitar a posibilidade de proveer vía concurso unicamente as prazas ocupadas con carácter temporal e ininterrompido con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2016 non ten fundamento ou amparo algún, máxime cando a xurisprudencia considera que a fraude se poder producir, no caso das interinaxes por vacante, ao superar os tres anos en situación de interinidade. Ademais, o caso das interinaxes non esgota nin de lonxe os supostos de fraude na contratación ou vinculación administrativa. O obxecto do concurso de méritos extraordinario debe ser a conversión dos contratos e vínculos en fraude, sexa cal for a súa duración.
- Non existen posibilidades dunha auténtica e eficaz consolidación se non se prevé un sistema para a identificación da estruturalidade real do sector público, xa que deben emerxer con carácter previo a calquera caste de concurso as prazas que, recoñecidas ou non na actualidade, veñan ocupadas por vínculos/contratos en fraude de lei. Debe establecerse, como propoñíamos na ILP, un estudo da estruturalidade de cada Administración con normas clara e nun prazo máximo regulado de tres meses, para que poidamos realizar unha consolidación real. Se non existe capacidade organizativa crearase con carácter urxente e inmediata un organismo público auditor especializado en cada administración, xa que a estruturalidade non pode seguir dependendo de sentenzas xudiciais.
- Debe preverse, con carácter expreso, unha obrigada revisión de oficio dos actos xa firmes de extinción de vínculos e relacións laborais en fraude adoptados ata o momento polas administracións, e a medida expresa de suspensión dos procesos selectivos en marcha, para que o persoal afectado por uns e outros teña a oportunidade de consolidar segundo as regras deste proceso extraordinario.
- Ante a irresponsábel e caótica regulamentación que se realiza dende hai décadas no ámbito do emprego público, onde se toma por referencia ao persoal con vínculo funcionarial para despois estender efectos ao persoal laboral e/ou estatutario, esta afectación a todos os supostos, independentemente do vínculo, debe quedar clara dende agora.
- O concurso de méritos, como enunciado, é un instrumento chave pero baleiro. Temos que estar en disposición de facerlle fronte tanto ás tentacións das diferentes administracións e dos seus sindicatos amarelos de esvaciar de contido esta previsión, frustrando os seus efectos en cada convocatoria singular. É máis importante do que nunca a autoorganización do persoal en chave combativa para asegurar que as prazas a concurso teñan un destino real para a consolidación das vítimas da fraude, asegurando regras claras para evitar a destrución de emprego.
- A indemnización para as persoas que non acaden praza e cesen no posto, nos procesos de estabilización, debe establecerse por referencia ao despedimento improcedente en cada momento. Tendo en consideración, ademais, que se converterá na indemnización rectora no futuro. A proposta de abaratamento indirecto do despedimento de empregadas públicas de 20 días por ano cun máximo de 12 mensualidades é unha burla ao pobo traballador.
- Hai que consolidar a fin da ideoloxía mercantilista da taxa de reposición que amais de asegurar a condena á temporalidade das empregadas e empregados públicos está a esganar os nosos servizos públicos para alimentar a fame voraz do privado, non pode ser algo contextual, limitado a este proceso. Debe dotarse ás administracións de liberdade absoluta para sacar a ofertas prazas non só para cumprir coas súas obrigas de consolidación e estabilización, senón para devolverlle aos servizos públicos a dimensión necesaria en canto servizos esenciais, promovendo novos procesos de acceso ao emprego público. Sen empregadas e empregos públicos, non hai servizos públicos dignos e de calidade.
- Debe preverse expresamente un sistema de sancións rigoroso, cun procedemento pautado, para afastar da xestión de persoal a calquera responsábel que provoque no futuro calquera situación de fraude de lei, chegando a establecer a responsabilidade persoal xa sexa por conducta activa ou por omisión dos seus deberes de vixía da legalidade para coa cidadanía. A fraude de lei é unha situación dramática que hai que evitar custe o que custe no futuro.
- No caso de Ensino e Sanidade a Lei, á marxe da súa adaptación prevista nos vindeiros meses, debe recoller na base común a posibilidade da aplicación do concurso ás prazas ocupadas con contratos de carácter temporal interrompido e prazas estruturais pero con destino cambiante en funcións das necesidades do servizo. Este texto debe aparecer de forma explícita na Disposición Final Segundo, máxime cando en caso de non darse se aplicará a norma xeral a estes colectivos.
- Por todo o anterior os titulares de prensa, radio e televisión deste días deron moi irresponsablemente a entender que serían as persoas concretas as que acadarían a fixeza, mentres agochaban, á súa vez, a autoría das conquistas. Na súa redacción actual a lei está máis destinada a dividir ás empregadas e empregados públicos temporais en función da súa situación que a aproveitar a oportunidade histórica de atallar de vez a precariedade do sector público, que se perpetuaría, que se perpetuará. Na súa configuración actual estes procesos destruirán centros de postos de traballo, nun fogo cruzado irremediable de pugnas partidistas á luz dos textos que coñecemos.
- A CUT fai unha chamada a continuar coa mobilización para afianzar as conquistas e seguir avanzando na solución ao drama da temporalidade. A sucesión de reelaboracións do texto base ao compás das rúas cheas de dignidade, rabia e coherencia dá conta da utilidade dos nosos esforzos e, máis do que nunca, de que un auténtico proceso de consolidación que cure o mal do abuso no sector público depende única e exclusivamente dos esforzos que a partir de hoxe esteamos dispostas e dispostos a facer. O noso futuro está nas nosas mans.