A CUT-Ensino manifesta o seu apoio á manifestación do 13 de setembro e á folga do 25 de setembro, convocadas polo sindicato maioritario, como resposta á situación insostíbel que vive o ensino público galego. O profesorado sofre desde hai anos unha perda continuada de dereitos laborais, o incremento da burocracia inútil, ratios excesivas, recortes salariais e de persoal, así como a deterioración progresiva das condicións de traballo. Consideramos imprescindíbel apoiar toda mobilización que poña no foco público a gravidade da situación que atravesa o ensino galego.
Con todo, non podemos deixar de expresar a nosa crítica. Lamentamos o que consideramos unha perda de oportunidade para artellar unha estratexia de loita sindical seria, sostida e colectiva. Tememos que se repitan os erros do curso 2023-2024: mobilizacións improvisadas, illadas e sen continuidade, que acaban por desmobilizar ao profesorado e dar marxe á Consellaría para manter os recortes.
Desde a CUT-Ensino pensamos que:
- As datas das folgas deben escollerse con coidado, garantindo o seu impacto real.
- As folgas deben ir acompañadas de medidas de presión complementarias: non colaboración con actividades burocráticas e extraescolares, visibilización constante das reivindicacións e mobilizacións mantidas no tempo.
- É imprescindíbel promover asembleas de profesorado en centros, comarcas e cidades para debater e decidir colectivamente os pasos a seguir.
- Urxe falar con todas as forzas sindicais e procurar mínimos comúns que permitan unha mobilización unitaria, combativa e democrática.
Por iso, chamamos a participar na manifestación e na folga, mais ao mesmo tempo facemos un chamamento a todo o profesorado e a todos os sindicatos a traballar nunha estratexia real de mobilización que non se esgote en dúas datas puntuais. Só con unidade, participación e loita sostida poderemos recuperar os dereitos arrebatados e defender un ensino público galego digno e de calidade.
CUT-Ensino
Setembro de 2025












